A arte volve engalana-las paredes da casa da cultura Raquel Fernández Soler coa primeira mostra deste 2025 que, ademais, une o talento de Rosa Mª Suárez e Toña Somoza.
Ámbalas dúas son pintoras autodidactas que exploran distintas temáticas a través do seu pincel. En consecuencia, a exposición As Eiros está conformada por unha vintena de cadros heteroxéneos, se ben imperan as mulleres e o mundo mariño, a través da mirada de Suárez, e as figuras e a paisaxe marítima, baixo a perspectiva de Somoza.
Durante o acto inaugural na tarde deste 3 de xaneiro, amenizado musicalmente por Ana I. Bermo, as protagonistas estiveron arroupadas polo tamén artista Manuel Teira e pola concelleira da Cultura da Pobra do Caramiñal, Patricia Lojo, quen declarou que “é unha ledicia da-la benvida ao 2025 con cultura, con arte, e en clave feminina. Temos aquí dúas mulleres que indagan a través da pintura naqueles temas que lle espertan curiosidade. Iso é a arte: non só o reflexo dunhas ideas e valores, tamén un método de autocoñecemento e de comprensión do mundo que nos rodea. Así que aquí temos a ollada sobre, por exemplo, o que representa para elas o mar tendo en conta que somos pobo costeiro.”
Lojo tamén ratificou o compromiso da Administración local “coas distintas disciplinas artísticas e as persoas creadoras das mesmas. Queremos cultura os 365 días do ano e seguiremos traballando para afianzar esta sala de exposicións como punto de referencia comarcal na difusión artística e escaparate de artistas noveis e xa consagrados.”
Poderá visitarse ata finais de mes, de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.