▪ Defenderán no pleno do vindeiro xoves unha proposición coa que reclamarán tamén ao Concello que emprenda “todas as accións necesarias” para garan=r que a Xunta facilita o cumprimento da legalidade urbanís=ca, “incluíndo a vía xudicial”
Aseguran estar “centrados no que importa”: “nada nos vai distraer do noso traballo e das nosas obrigas como representantes públicos”
O Grupo Municipal Socialista segue “centrado no que importa” focalizando o seu traballo no pleno da vindeira semana. Así o asegurou este sábado o seu portavoz, Gonzalo Muíños, quen insistiu ademais en que “nada nos vai distraer do noso traballo e das nosas obrigas como representantes públicos”. Así as cousas, os socialistas levarán ao vindeiro pleno a situación irregular de case 200 pisosturísticos que operan no casco histórico e que figuran inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia.
A proposición dos socialistas buscará o acordo da Corporación Municipal para instar á administración autonómica a atender o requirimento formal enviado no pasado mes de decembro por Raxoi para dar de baixa dese rexistro as VUTs que seguen a operar en Compostela á marxe da legalidade urbanística e sen o título municipal perceptivo. Porén, a edil Mercedes Rosón lembra que a “permisibilidade” da Xunta con esta actividade económica non se circunscribe só ao ámbito do Plan Especial, senón que lembra como, logo da aprobación da modificación do PXOM impulsada durante o mandato socialista e que regulaba as vivendas turísticas fóra do casco histórico, o goberno galego tampouco executou “coa dilixencia que cabería esperar” a retirada dos inmobles que seguían “e nalgúns casos seguen” inscritos no REAT.
“A Xunta segue a por paus nas rodas para que Compostela recupere vivenda ao alugueiro convencional para as familias e a xente moza que precisa acceder a un piso a prezos asequibles” defende Rosón. A edil socialista coincide co propio Muíños á hora de cuesBonar o proceder da administración autonómica.
Segundo o portavoz socialista é “terrible” que a Xunta agarde a que se xudicialicen os casos individualmente en lugar de “reflexionar” ante a posición reiterada do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que xa se ten pronunciado sobre esta cuestión.
“Cascada de sentenzas”
O TSXG ten ditado varias sentenzas nas que establece que as vivendas de uso turístico, aparte de estar inscritas no REAT, precisan dunha habilitación municipal, toda vez que se tratan dunha actividade económica. De feito, lembran os socialistas, unha das últimas sentenzas, do 26 de xuño de 2024, da sala do contencioso-administrativo do Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia deu a razón ao Concello, rexeitando o recurso interposto por unha propietaria de dous pisos turísticos na zona histórica logo de que a administración local, en 2022, ditaminara a irregularidade dos seus negocios por non estar permitidas as VUT dentro do Plan Especial.
Outro requirimento en novembro de 2022
Mercedes Rosón recalcou ademais que xa en novembro de 2022, o goberno local, daquela socialista, enviara un primeiro requirimento a Turismo de Galicia no que se solicitaba a baixa das VUTs carentes de título habilitante municipal de natureza urbanística. Un requirimento que non foi atendido e ao que se sumou outro enviado no pasado mes de decembro que, de momento, tampouco ten sido atendido por parte da Xunta.
Así, a edil socialista defenderá o vindeiro xoves unha proposición en pleno, para que a Corporación no seu conxunto respalde a solicitude ao tempo que reclaman ao executivo local que emprenda as accións necesarias para garantir o cumprimento da normativa municipal relativa á regulación do uso turístico da vivenda, incluíndo, reza o texto literalmente, “a vía xudicial se a situación persistise”.
Tamén propoñen os socialistas instar ao ministerio de Vivenda e ao de Consumo a que reforcen a vixilancia sobre as plataformas de alugueiro turísticos e apliquen as sancións correspondentes a aquelas que permitan anuncios de vivendas que non cumpran coa normativa.