— A iniciativa está dotada con máis de 100 millóns de euros e permitirá operar tanto con produtos convencionais como con novos combustibles sostibles, incluíndo o amoníaco verde, o metanol e os biocarburantes
— Subliña que esta nova terminal situará a Galicia na vangarda da economía das enerxías limpas, abrindo a porta a novas cadeas de valor industrial vencelladas á descarbonización
— Reitera o apoio da Xunta a iniciativas como esta, que permiten avanzar cara un modelo sustentado na innovación, na sustentabilidade e na creación de emprego de calidade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro co presidente e o director da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández e Juan Diego Pérez, e co CEO da compañía Exolum, Javier Goñi, para avaliar o proxecto que a empresa promotora desenvolverá no Porto Exterior en Arteixo. Segundo salientou o presidente, esta iniciativa representa un avance decisivo para o tecido industrial galego e para o futuro enerxético da comunidade: “Serve para consolidar a aposta por un Porto Exterior que están demandando empresas que necesitan esa situación xeográfica, esas instalacións e esa accesibilidade”, apuntou Rueda.
O titular do Goberno galego puxo en valor o traballo conxunto que fixo posible este proxecto, que considerou un exemplo de aposta compartida por un modelo común de desenvolvemento sostible e innovador. E subliñou a relevancia que para a Xunta, xa que “aparte do investimento e de quen son os promotores, para nós é un proxecto estratéxico”.
A iniciativa, dotada cun investimento superior aos 100 millóns de euros e que suporá a maior concesión actual en superficie no Porto Exterior, permitirá construír unha nova terminal marítima de graneis líquidos en Punta Langosteira. A infraestrutura está concibida desde o inicio como un espazo clave na transición enerxética, preparado para operar tanto con produtos convencionais como con novos combustibles sostibles, entre eles amoníaco verde, o CO2 capturado, o hidróxeno, o metanol ou os biocarburantes.
Segundo subliñou Rueda, esta nova terminal situará a Galicia na vangarda da economía das enerxías limpas, ao tempo que reforzará a capacidade loxística do porto e abrirá a porta a novas cadeas de valor industrial vencelladas á descarbonización e ás denominadas moléculas verdes: “Que aposten por Galicia e que aposten por consolidarse aquí é moi de agradecer”, salientou.
O presidente destacou tamén o compromiso da Xunta con este tipo de proxectos, que considera esenciais para avanzar cara un modelo económico sustentado na innovación, na sustentabilidade e na creación de emprego de calidade. Neste senso, reafirmou a vontade do Executivo autonómico de seguir acompañando todas aquelas iniciativas que contribúan a fortalecer a competitividade industrial e atraer investimento produtivo a Galicia.
Polo de atracción
Rueda fixo fincapé no papel que o Porto Exterior da Coruña está a desempeñar como polo de atracción de investimentos estratéxicos grazas ao seu potencial, á súa conectividade e á súa localización privilexiada. Destacou o labor da Autoridade Portuaria para impulsar a súa transformación nun Porto Verde (Green Port), un obxectivo que, indicou, encaixa plenamente coa estratexia de Exolum e coa visión de futuro da Xunta: “Eu agradezo moitísimo que teñamos isto aquí porque todo o que ten que ver cos créditos de carbono en tres ou catro anos será algo que demanden e que necesiten moitas empresas en Galicia e na nosa área. Polo tanto, isto vai permitir que se poda facer desde aquí e iso é unha vantaxe enorme”, remarcou Rueda.
O xefe do Executivo autonómico concluíu agradecendo a confianza depositada por Exolum en Galicia e recoñecendo o traballo e visión estratéxica da Autoridade Portuaria da Coruña. Sinalou que proxectos coma este contribúen a consolidar un porto cada vez máis forte, nunha economía máis diversificadas e nunha comunidade preparada para o futuro.



