O Pleno de San Sadurniño celebrou este xoves pleno ordinario con tres puntos principais entre os que destacou, polo tempo dedicado ao seu debate, unha moción do PP relativa á problemática do lobo que saiu adiante por unanimidade da corporación, despois de incorporar unha ampla enmenda do BNG. O texto definitivo reparte responsabilidades entre Xunta e Estado, esixindo un maior compromiso financeiro e técnico coas explotacións gandeiras. No plano económico, a corporación tamén validou unha modificación de crédito de 369.152,78 euros para axeitar as partidas do orzamento municipal o importe final do proxecto de mellora ambiental da Cortiña e o Pazo da Marquesa, unha obra adxudicada recentemente que se financiará na súa totalidade cunha subvención estatal da Transición Xusta.
A moción inicial presentada polo PP denunciaba unha situación de “crecente alarma social” debido ao aumento de ataques preto de vivendas, afectando incluso a cans atados nas propias casas. O diagnóstico dos populares sinalaba que a presenza desta especie está a provocar importantes perdas económicas e ameaza directamente á gandaría extensiva, un modelo fundamental para previr incendios e conservar a paisaxe. O texto orixinal mantiña unha postura moi crítica coa política estatal, argumentando que a inclusión do lobo no Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial no ano 2021 limitou drasticamente as ferramentas de control da poboación.
Tras a emenda nacionalista aceptada polo pleno, o acordo final traslada parte da solución á Xunta de Galicia, á que se lle reclama reforzar as liñas de axuda para a instalación de peches e o mantemento de cans de garda. Tamén se solicita ao executivo autonómico un sistema de compensación por danos que sexa “áxil, xusto e suficiente”, garantindo o pago en prazos razoables e adaptado ás perdas reais das explotacións. O texto tamén defende a aplicación de medidas de control selectivo e batidas controladas, pero sempre baixo criterios técnicos e científicos e no marco da normativa vixente.
No que respecta á xestión económica, o pleno aprobou —cos votos de BNG e a abstención do PP e do edil do PSOE— unha modificación de crédito que permitirá integrar no orzamento en vigor os 369.152,78 euros de subvención estatal destinados ao proxecto de mellora paisaxística da Cortiña e do contorno da Casa do Concello.
O equipo de goberno explicou que, aínda que o ingreso dun anticipo de 295.968,59 euros xa se contabilizara en 2024, as modificacións que requiriu o proxecto para adaptalo aos requisitos sectoriais, principalmente de Augas de Galicia, obrigaron tamén a variar o seu importe final. Esa adaptación económica, definida polo Goberno local como unha cuestión meramente administrativa, recorre á fórmula técnica do crédito extraordinario como única maneira para cumprir coa normativa xa que “a outra alternativa era renunciar á subvención”, precisou o alcalde.
Esta importante actuación ambiental adxudicouselle recentemente á empresa Guerreiro Somozas S.L. por un importe cercano aos 375.000 euros. Os fondos proceden dunha subvención outorgada en 2023 ao abeiro da estratexia de Transición Xusta e o prazo máximo para a súa execución total finaliza o 30 de xuño de 2026. O financiamento completarase con 73.184,19 euros procedentes dunha transferencia de capital do Estado .
Outro punto que, desta vez si, recibiu o apoio unánime de todos os grupos foi a adhesión de San Sadurniño ao novo convenio marco entre a Consellaría de Medio Ambiente e Ecoembes. Este acordo regula a recollida e o tratamento de envases domésticos lixeiros, así como do papel e o cartón dun só uso. Trátase dun trámite administrativo que garante a continuidade da xestión de residuos baixo os estándares de calidade e sostibilidade esixidos pola normativa autonómica.
No apartado de rogos o edil do PP, José Luis Hermida, solicitou que durante a tempada estival a piscina municipal reserve unha parte do vaso para nado libre en horario de mañá, ademais de pedir a poda de pólas que dificultan a iluminación dun farol no Enxerto. Pola súa banda, o concelleiro socialista Juan Alberto Rivera instou ao executivo local a vixiar o compromiso do SERGAS para reparar as pingueiras do centro de saúde, aproveitando o inicio do bo tempo.
Para rematar, na quenda das preguntas, o PP interesouse polas xestións do Goberno local para homenaxear ao mestre Manuel Seco Hermida, así como pola vixencia do confinamento de aves de curral a raíz da gripe aviar. O grupo popular tamén inquiriu sobre o proceso de devolución dos importes cobrados de máis no recibo do lixo. A este respecto, a secretaría municipal informou de que a Deputación, como xestora dos cobros, xa reintegrou parte das contías e que as aínda pendentes poderían completarse ao longo do vindeiro mes de xullo.

