HomeA CoruñaSan Sadurniño dedicará a gasto corrente os 184.000 euros do último plan...

San Sadurniño dedicará a gasto corrente os 184.000 euros do último plan adicional da Deputación neste 2025

- Anuncio -spot_img

O Concello de San Sadurniño celebrará este martes, 21 de outubro, a partir das 17:00 horas, un pleno extraordinario que ten como único punto na orde do día a aprobación da solicitude do POS+ Adicional 4/2025 da Deputación da Coruña. Trátase da última asignación extraordinaria de fondos provinciais prevista para este exercicio, que suporá unha achega de 183.701,35€. Fondos que se dedicarán integramente a compensar o incremento do custe da vida nos gastos correntes municipais.

A convocatoria urxente responde á necesidade de trasladar á Deputación o acordo plenario antes do 31 de outubro, prazo límite para participar neste plan provincial. O POS+ Adicional 4/2025 é unha ampliación do Plan Único de Concellos que permite ás entidades locais financiar gastos ordinarios, reducir débeda coa Deputación ou executar investimentos financeiramente sostibles.

No caso de San Sadurniño, a proposta presentada recolle que a totalidade dos fondos —preto de 184.000 euros— se destinarán a sufragar gastos propios do funcionamento normal do Concello, como poden ser os combustibles -gasóleo, pellets, etc.- ou a subministración eléctrica dos edificios e instalacións municipais e da rede de iluminación pública, entre outros.

Ademais da autorización para participar na convocatoria, o pleno deberá tamén facultar á Alcaldía para tramitar e xestionar todo o expediente ante a Deputación e autorizar ao ente provincial para que efectúe as comprobacións conforme San Sadurniño está ao día coa Axencia Tributaria e coa Seguridade Social, requisitos imprescindibles para poder recibir a achega da Deputación.

A sesión seguramente dure escasos cinco minutos, habida conta de que se trata dun formalismo no que, previsiblemente, haxa pouco debate e unanimidade por parte de toda a corporación. Con todo, o pleno emitirase ao vivo igualmente a través da canle de Youtube do Concello de San Sadurniño.

Publicacións Relacionadas