Os colectivos, oito en total, teñen ata o 15 de decembro para xustificar as achegas
O Concello dedica neste 2024 outros 48.500 euros a convenios nominativos
A Xunta de Goberno Local do Concello de San Sadurniño celebrada este luns deulle o prace á proposta da comisión cualificadora das subvencións de Cultura e Deportes deste ano, que distribuirá entre os colectivos do municipio preto de 22.000 euros. Ás convocatorias concorreron catro colectivos veciñais e culturais e outros cinco de tipo deportivo, que percibirán as contías correspondentes segundo as fórmulas de valoración das solicitudes establecidas nas bases de cada liña. Unha vez comunicado oficialmente o importe das axudas concedidas, as asociacións e clubes terán de prazo até o 15 de decembro para achegaren a documentación xustificativa.
Malia que aínda hai un mes de prazo para presentar as xustificacións, cabe a posibilidade de solicitarlle ao Concello a ampliación do prazo nun máximo de 50 días máis por causas debidamente xustificadas -que o Concello debe aceptar- naqueles casos en que aínda falten actividades ou investimentos por facer, como poden ser os relativos a programacións de Nadal ou doutro tipo.
A xustificación, en calquera caso, debe acompañarse das copias das facturas oficiais dos gastos efectuados (e TCs se se contratou persoal) e dos resgardos das transferencias correspondentes se os pagamentos superan os 100 euros. A suma de gastos debe ser, como mínimo, a da cantidade concedida máis o 20% do orzamento presentado na solicitude da convocatoria.
Se se conta con outras axudas ademais da municipal -doutras administracións ou entidades privadas-, o importe para xustificar sairá de sumar todas as cantidades, incluída a subvención municipal, máis o 20% da axuda asignada nesta convocatoria. Cómpre ter moi presente que, legalmente, o importe conxunto de todas as subvencións recibidas non poderá superar en ningún caso o dos gastos efectuados.
Nin en Cultura nin en Deportes se admitirán facturas referidas a gastos de comida. Porén, os colectivos veciñais e culturais si que poderán xustificar ata o 25% do orzamento total admitido con gastos relacionados coa compra de materiais necesarios para as actividades que organicen. Os clubes poden achegar como xustificantes tanto os correspondentes á súa participación en campionatos deportivos como os de funcionamento.
Tamén se deberá achegar toda a documentación impresa xerada -carteis, anuncios en prensa ou en redes sociais…- que acredite a participación municipal no financiamento das actividades. Os modelos de xustificación poden descargarse das ligazóns que hai ao pé desta información.
Para a convocatoria en concorrencia competitiva de Cultura botaron solicitude catro asociacións veciñais e culturais, todas elas admitidas. Nesta liña había consignados 11.000 euros dos cales se distribuíron finalmente 10.080,68, segundo as fórmulas e criterios estipulados nas bases e de acordo cos orzamentos subvencionables presentados, sen superar en ningún caso o límite de 4.000 euros de axuda.
Ademais, ás entidades con local en propiedade ou alugado teñen dereito a 1.000 euros fixos máis, que tamén deberán xustificar, para melloras de equipamento ou infraestrutura. Este ano só a percibirá a asociación Adiante de Igrexafeita, dado que O Castelo de Narahío -a outra con local propio- non concorreu ás subvencións xerais por ter asinado convenio nominativo para o Festival do Río Castro.
Para a convocatoria de Deportes recibíronse cinco solicitudes, todas elas admitidas, aínda que houbo unha que non percibirá axuda por non cumprir cos criterios baremables nas bases. Entre as demais distribuiranse 11.800 euros primando aquelas disciplinas olímpicas cun maior número de fichas federativas.
Máis de 70.000 euros destinados ao tecido social
O Concello dedica neste 2024 un total de 21.880,64 euros ás axudas en concorrencia competitiva para Cultura e Deportes. Porén, estas non son as únicas achegas coas que se apoia o tecido social que traballa no municipio, posto que a subvencións nominativas para actuacións concretas destínanse outros 48.500 euros, o que eleva a cifra total deste apartado por riba dos 70.000 euros.
As beneficiarias de convenios son a Casa do Mel e a AGFA do Eume polo labor desenvolvido na zona da Cortiña e nas actividades relacionadas co sector primario; o Aldebarán e a EF Irmandiños para o sostemento das escolas de volei e fútbol, respectivamente; e a AVV O Castelo de Narahío, pola organización do Festival do Río Castro.
AXUDAS PARA ACTIVIDADE CULTURAL
Entidade
Actividade
Infraestrutura
Total
AVV Xuntanza de Lamas
1.873,12 €
1.873,12 €
ACRD Santa Mariña do Monte
1.493,60 €
1.493,60 €
Asociación Cultural Brío
4.000,00 € (*)
4.000,00 €
AVV Adiante de Igrexafeita
1.713,96 €
1.000,00€ (**)
2.713,96 €
Total actividade cultural:
10.080,68 €
(*) Contía máxima para actividade
(**) Só para entidades con local en propiedade ou en aluguer
AXUDAS PARA ACTIVIDADE DEPORTIVA
UDC Narahío
5.571,54 €
Club MTB Biela e Chaveta
2.452,79 €
Club FS Santa Mariña do Monte
400,00 €
C.F. San Sadurniño
3.375,63 €
Total actividade deportiva:
11.799,96€