Concello e entidades programan distintas actividades que se prolongarán desde hoxe até o sábado da semana que vén
San Sadurniño volve celebrar o Samaín, unha das nosas festas máis recentes malia ser, xunto co San Xoán, a que ten raíces máis fondas na nosa cultura. Unha celebración que no noso concello vai manifestarse con actividades para todos os públicos, organizadas principalmente por colectivos do municipio. Cine, contos, obradoiros, música, maxia e magostos mestúranse nun calendario que empeza hoxe e remata a semana que vén, co que tamén se reivindica a tradición do Samaín como unha celebración propia, ligada á memoria, á natureza e ao xeito ancestral de interpretar o Alén. Ritos e maneiras que sobreviven no noso imaxinario a pesar da penetración imparable do halloween.
A primeira das citas está posta para hoxe ás 19:00h na Casa da Cultura. A biblioteca municipal convida á rapazada e ás súas familias a vir pasar unha tarde de medo co filme “Hei Buh y el castillo embrujado”, unha historia chea de humor, misterio e aventuras apta para todos os públicos.
Trátase dunha actividade con entrada gratuíta e sen necesidade de reserva que se encadra na programación cultural da biblioteca.
Entre a programación municipal e a das entidades temos que facerlle un oco á da sala DZINE, que neste venres véspera de Todos os Santos argallou unha Noite dos mortos a partir das 22:00h con premio para a “alma en pena co disfrace máis tebroso”.
As propostas do Samaín continuarán o luns 3 de novembro en Igrexafeita co obradoiro “Outono Máxico” organizado pola ANPA do CPI San Sadurniño. A actividade está pensada para nenas e nenos de 3 a 6 anos pertencentes a familias socias da entidade e desenvolverase no local da AVV Adiante entre as 16:00 e as 17:00h.
A cativería (que ese día non ten escola) poderá asistir a unha sesión lúdica centrada na reutilización de materiais e na posta en valor dos elementos naturais do outono —froitos, follas, paus ou sementes— para facer entre todas e todos un espantallo. A ANPA quere así fomentar a conciencia ambiental e a imaxinación entre os nenos e nenas, reforzando tamén a convivencia entre as familias do centro educativo. As prazas son limitadas e requiren inscrición previa a través deste formulario. O último día é este sábado 1 de novembro.
Magostos en Igrexafeita e Naraío o sábado 8
A actividade continuará en Igrexafeita o sábado 8 de novembro coa celebración do tradicional magosto organizado pola Asociación Veciñal Adiante. A partir das 19:00h, a rapazada poderá participar nun obradoiro de cabazas no que aprenderán a baleiralas e decoralas con motivos propios do Samaín. A asociación anima a levar ideas orixinais e a manter a estética galega desta festa, afastada das imaxes importadas do halloween.
Ás 20:30h será a quenda do Mago Román, que traerá ao local social un espectáculo de ilusionismo cheo de humor e números abraiantes.
Tras o show, ás 21:30h, comezará a cea popular, composta por caldo caseiro, castañas asadas, xamón escaldado e sobremesa. O prezo será de 3 euros para persoas socias e 6 euros para non socias. Podemos apuntarnos ata o 5 de novembro nos teléfonos 696 912 975 e 650 484 580.
A Asociación O Castelo de Narahío tamén puxo para a tarde-noite do sábado 8 o seu magosto e samaín, que comezará ás 18:30h coa exposición das cabazas preparadas pola rapazada e coa entrega de pequenos agasallos a todas as crianzas que participen disfrazadas —iso si, sempre con temáticas galegas e non relacionadas co halloween—.
Ás 19:30h, o músico e narrador Brais das Hortas ofrecerá o seu espectáculo “Contos para caghar patatillas”, unha sesión de historias de medo e humor pensada para todos os públicos.
A continuación, arredor das 20:30h, comezará a Volta das Ánimas, un percorrido á luz das candeas polas zonas de Correlo, o Eirexado e a Veiga, durante o cal a cativada e as súas familias irán deixando as súas cabazas e atopando no camiño diferentes personaxes e sorpresas misteriosas. Xa de volta no local social da Veiga serviranse de balde castañas, sopa de cabaza e papas de melón. A noite rematará cunha foliada aberta -a partir das 22:30h- que fará unha pequena pausa na medianoite para prender e degustar unha queimada.
Que é o Samaín?
As datas próximas ao remate de outubro e o comezo de novembro -cos seus días de Santos e de Defuntos- aparecen marcadas no almanaque para reivindicar unha celebración ancestral asimilada polo cristianismo que se deu en chamar e foi aceptada maioritariamente co nome de Samaín hai menos de corenta anos (a palabra non aparece rexistrada en ningún escrito histórico galego nin tampouco ten entrada no dicionario da RAG).
En múltiples lugares de Galicia quedan testemuños de celebracións ou rituais pagáns asociados ao peche de ciclo anual, ás colleitas e ao Alén. Porén, foi no arranque dos anos 90 cando podemos situar o empezo do “Samaín” moderno -incluso da difusión do nome- irradiado desde Cedeira pola asociación Chirlateira e os estudos etnográficos do mestre, investigador e activista cultural Rafael López Loureiro.
A iniciativa impulsouse naquel entón máis como unha reivindicación de costumes a piques de desaparecer e con características e manifestacións propias de cada zona que como unha celebración de formato e iconografía predeseñada, como ocorre co Halloween.
Nestes anos, o Samaín conseguiu asentarse en toda Galicia, aínda que seriamente deturpado pola cultura pop estadounidense e os iconos do cine de terror de serie B, malia os esforzos dalgunhas entidades por manter trazos diferenciais e xenuinamente galegos dunha celebración con raíces comúns en todas as culturas desta banda do Atlántico.
Como diferenciamos entón o Halloween do Samaín?. Non é doado, pero aí van algunhas pistas que puidemos atopar buceando na rede… que poden ser ou non certas e que poden ser ou non de aplicación dependendo do lugar de Galicia onde nos encontremos.
O QUE HAI HALLOWEEN SAMAÍN
| O QUE HAI | HALLOWEEN | SAMAÍN |
|---|---|---|
| CABAZAS | ![]() | ![]() |
| CABAZAS QUE SE SECAN E GARDAN LOGO COMO MÁSCARAS DO ENTROIDO | ![]() | ![]() |
| MELÓNS | ![]() | ![]() |
| NABOS | ![]() | ![]() |
| CASTAÑAS E COINCIDENCIA CO MAGOSTO | ![]() | ![]() |
| SANTA COMPAÑA E AVISIÓNS | ![]() | ![]() |
| BRUXAS | ![]() | ![]() |
| VAMPIROS | ![]() | ![]() |
| ZOMBIS | ![]() | ![]() |
| MOMIAS | ![]() | ![]() |
| DISFRACES E MÁSCARAS CON MOTIVOS NATURAIS (carautas para asustar os malos espíritos, colares de zonchos, etc.) | ![]() | ![]() |
| TRUCO OU TRATO | ![]() | ![]() |
| DÍA DE PEDIR (2 DE NOVEMBRO) | ![]() | ![]() |





