Home A Coruña San Sadurniño leva a pleno este xoves a distribución e os proxectos...

San Sadurniño leva a pleno este xoves a distribución e os proxectos do POS provincial

- Anuncio -

Este xoves, derradeiro do mes de xaneiro, toca pleno ordinario en San Sadurniño. A sesión está posta para as 19:30h en primeira convocatoria, incluindo dous asuntos principais na parte resolutiva. Un deles será abordará un expediente relacionado coa confección da RPT municipal, mentres que o outro estará ocupado pola distribución dos fondos do POS+ 2025 da Deputación da Coruña. Neste sentido, o acordo que se someterá a debate e votación propón dedicar algo máis de 395.000 euros a gasto corrente, ademais de darlle o visto e prace a nove proxectos por un montante global de 603.000 euros para reparar máis de 15 quilómetros da rede viaria municipal.

Desde que o bipartito PSOE-BNG goberna na Deputación da Coruña, os plans anuais de apoio aos concellos descargan neles practicamente todo o poder de decisión sobre como aplicar os fondos que se lles asignan. Neste sentido, o POS+ conta cunha parte fixa que os municipios poden dedicar a obras ou a gasto corrente modulando os importes segundo as súas necesidades.

San Sadurniño, que ten preconcedidos 559.000 euros, optou por destinar 395.000 a compensar o encarecemento da vida -que tamén lle afecta ao Concello- e os 164.000 euros restantes á reparación de sete pistas da rede viaria municipal: o eixo Sabanda – A Pena, en Santa Mariña; de Bouzarrara a Pramado, as Leiras, Vilanova e do Chao á Laxe, todas en Lamas; a pista entre A Barcia e Os Foxos, en Naraío, e os camiños de Bouzamaior e O Outeiro, en Igrexafeita.

Porén, a maiores dos proxectos para os que xa hai fondos, a Deputación tamén require que os concellos aproben actuacións a maiores coa mirada posta en que ao longo do exercicio o ente provincial poida habilitar novas partidas económicas para levalas a cabo. É o chamado Plan Complementario, ao que San Sadurniño presenta outros seis proxectos por valor de 439.274 euros cos que reparar outras nove pistas, nuns casos con asfalto e noutros con firme aglomerado.

A relación de proxectos que irán a pleno este xoves recolle o aglomerado do eixo Vilela-Bouzarrara-Fontela, no Camiño Arriba e o de Ramisqueiras-As Leiras-Vilela. Tamén se pretende botar este tipo de firme na pista que enlaza a Fontela co Fabal e a AC-862. Os asfaltados acollidos ao Plan Complementario son o de Cadavás e o da pista Os Pontigos-Piñeiros, en Ferreira; os camiños que van desde A Fraguela até As Costeiras e desde A Fraguela ata a Casatellada, en Igrexafeita; e, pechando o listado, a reparación da pista que conecta os lugares da Ferraría, O Batán, Pielas e A Cernada, no fondo de Naraío, xunto coa que vai desde Quintiá até o límite coa Capela, preto de Formariz.

Sumando os proxectos da parte fixa do Plan Único e os susceptibles de executarse a medida de que se vaia liberando financiamento provincial, o Concello ten deseñadas intervencións por un valor de 603.000 euros en máis de 15 quilómetros da rede viaria municipal.

Outros asuntos do pleno
CAnda esta cuestión, o pleno tamén abordará unha resolución ao respecto dun recurso de reposición presentado por dúas traballadoras municipais contra a modificación da RPT. A proposta de acordo, sostida nun amplo informe da secretaría municipal, pide a desestimación do recurso.

Ao tratarse dunha sesión de carácter ordinario, na parte final tamén se inclúe un apartado de mocións rogos e preguntas. O BNG ten previsto presentar un texto para recabar o posicionamento unánime da corporación demandando que o Goberno do Estado faga efectivas “de inmediato” as axudas e descontos no transporte público. Por outra banda, o grupo nacionalista tamén rexistrou dúas mocións máis, unha relativa ao Ano Castelao pedindo que o político, escritor e debuxante sexa recoñecido como primeiro presidente de Galicia; e a outra de adhesión do consistorio á plataforma Queremos Galego na defensa da lingua galega.

Relacionadas

O BNG critica que a Xunta devolva 22M€ de fondos da UE cos que...

0
Ariadna Fernández acusa o PP de preferir que Europa lles dea cartos para pagar as prazas nas privadas no canto de aumentar a rede...

O 4 de febreiro dará comezo a III Liga de Pádel de Carral

0
En total disputaranse máis de 80 partidos entre febreiro e xuño de 2025.O obxectivo do torneo é fomentar a práctica lúdico-deportiva de toda a...

Belén do Campo supervisa a zona na que se van a executará nas novas sendas...

0
A delegada da Xunta informou que a previsión é aprobar o proxecto a mediados deste ano para posteriormente licitar a obra Estes itinerarios, que se...

Fene avanza na creación dun espazo museístico na Escola Unitaria de Sillobre

0
O proxecto busca preservar a memoria e o patrimonio cultural da parroquia e da contorna rural fenesa A iniciativa, impulsada por Ferrolterra Antiga e a...

O Concello de Ribeira reforza as axudas ás ANPAs e incorpora unha nova liña...

0
O Concello de Ribeira publicou as subvencións destinadas ás Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPAs). Como principal novidade, este ano increméntase a...

Poda de kiwis e de árbores froiteiras, enxertos e construción de trampas para a...

0
 O ciclo de obradoiros conforma a Campaña de Sensibilización Ambiental do municipio neste 2025  As inscricións poden concretarse a través do mail correo@concellodepaderne.com...

Publicacións Relacionadas