San Sadurniño, Moeche, As Somozas e Cerdido estudan fórmulas para a levanza compartida dos Xulgados de Paz e outros servizos

Redacción
Lectura mínima de 3

Representantes dos gobernos de San Sadurniño, Moeche, As Somozas e Cerdido reuníronse este mediodía na Casa do Concello de San Sadurniño co obxectivo de explorar novas vías de colaboración entre os catro municipios limítrofes. O encontro centrouse na posibilidade de compartir a xestión dos Xulgados de Paz e noutros servizos municipais, co fin de optimizar recursos e mellorar a atención á veciñanza. No encontro participaron a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy Maceiras, e os rexedores de San Sadurniño, Secundino García Casal; As Somozas, Juan Alonso Tembrás; e Cerdido, Alberto Rey Paz, ademais doutros membros dos respectivos equipos de goberno. Tamén asistiu persoal técnico dos concellos de Cerdido e Moeche, con presenza das áreas de secretaría e intervención.

O obxectivo principal da xuntanza foi avaliar un novo modelo de colaboración que permita unha xestión compartida dos Xulgados de Paz e doutros servizos locais. A representación dos catro municipios coincidiu en subliñar a crecente carga de traballo que deben asumir as administracións locais e a conveniencia de mancomunar esforzos para garantir unha atención eficaz sen duplicar recursos.

Ademais, a xuntanza tamén se aproveitou para analizar outras áreas nas que os concellos poderían colaborar, como os servizos sociais, a recollida de residuos ou a contratación conxunta de mantementos e subministracións. Falouse, por exemplo, de posibles licitacións compartidas en telefonía ou no mantemento de medios de extinción de incendios, co obxectivo de reducir custes e mellorar a coordinación.

Tal e como se acordou no encontro, agora os departamentos de Secretaría e Intervención dos concellos analizarán tecnicamente as posibles vías de colaboración, co fin de concretar necesidades e posibles fórmulas de traballo compartido. Tomando como referenza o resultado desa análise, posteriormente “entrarase nunha fase de negociación entre os concellos e a Xunta de Galicia para avanzar na posta en marcha destas vías de cooperación”, resume o alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal.

Segundo o rexedor local, a reunión serviu para constatar que “compartimos realidades comúns que fan necesaria a suma de esforzos”. A este respecto, García Casal engadiu que “sendo concellos pequenos, limítrofes e con recursos limitados, a unión é clave para garantir a prestación de servizos de calidade”.

Comparte este artigo