A programación do 8M organizada en San Sadurniño pola área municipal de Igualdade está a piques de completarse cunha sesión de cine en igualdade o venres 21 de marzo e un obradoiro de escultura o sábado 29. O primeiro será unha pixamada infantil con proxección e coloquio sobre o filme Ainbo: el espíritu del Amazonas, mentres que o segundo, dirixido pola artista Saila Chao no local social de Santa Mariña do Monte, permitirá crear unha obra colaborativa que simboliza a rede de coidados das mulleres. As inscricións en ambas actividades poden facerse a través do teléfono 695 876 17 ou do correo oriana.lopez@sansadurnino.gal.
A pixamada de cine está organizada polo Concello en colaboración coa Asociación Cultural Brío e terá lugar na Casa da Cultura a partir das 19:00h deste venres. Tal e como suxire o propio nome da actividade, as nenas e nenos están convidados a acudir en pixama e con manta para gozar dunha sesión de cine na que, ademais, tamén terán flocos de millo.
A película que verán é Ainbo: el espíritu del Amazonas, filme peruano con mensaxe ambiental e tamén de empoderamento feminino, xa que a heroína da película é unha rapaza de grande afouteza que logra conter un mal chamado progreso que ameaza a contorna, a cultura e o xeito de vida do seu pobo. Trala proxección, haberá un pequeno cinefórum dirixido pola Axente de Igualdade, onde se comentarán estes e outros valores que transmite.
Por outra banda, o obradoiro de escultura colectiva será a última actividade do programa e celebrarase o sábado 29 de marzo ás 11:00h no local social de Santa Mariña do Monte. A actividade está organizada neste caso en colaboración coa ACRD Santa Mariña do Monte.
De coordinar o desenvolvemento do obradoiro encargarase artista multidisciplinar Saila Chao, quen ademais expón durante todo este mes na Casa do Concello a súa colección “Xeitos de saltar un charco”. As persoas participantes traballarán con cartón prensado para construír por separado diferentes partes dunha escultura que despois, ao xuntárense, representarán nunha mesma figura a unión e o apoio mutuo entre as mulleres, ademais de reflectir o traballo pouco visibilizado pero fundamental dos coidados.
A participación no obradoiro é gratuíta, pero require inscrición previa chamando ao 695 876 178 ou enviando un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal.
Desde a área de Igualdade convídase á veciñanza a participar nestas últimas actividades do 8M, pechando así un mes que estivo moi centrado no autocoidado e na visibilización do traballo das mulleres. Temas ambos que tamén aborda a matrona Estefanía Cabarcos Fernández nos reels que está compartindo o Concello no Facebook e no Instagram.