HomeA CoruñaSan Sadurniño pecha instalacións e recomenda non usar parques e áreas de...

San Sadurniño pecha instalacións e recomenda non usar parques e áreas de lecer

- Anuncio -spot_img

Desde esta medianoite están en vigor as novas medidas decretadas pola Xunta para tentar frear o avance do coronavirus. Na súa maior parte xa eran coñecidas por terse aplicado en concellos con contaxios disparados ou durante o primeiro confinamento. Porén, no publicado no DOG hai varios matices que cómpre ter en conta, como por exemplo a obriga de pechar ás 18.00h. os establecementos de produtos non esenciais. En calquera caso, para saber cales son os límites que estarán en vigor durante as próximas tres semanas -até o 17 de febreiro-, hai que acudir ao Diario Oficial e lelo con detemento, ou ben seguir a guía publicada esta mañá polo SERGAS na web coronavirus.sergas.gal, onde se condensa o principal. O máis destacado é o mantemento do peche perimetral do concello e do toque de recollida entre as 10 da noite e as 6 da mañá, ademais da redución dos grupos só a persoas conviventes. Tamén pecha a hostalaría, que só poderá atender entregas e reparto a domicilio, e márcase a obriga de baixar a persiana no comercio despois das 18.00h. -agás no caso farmacias, supermercados, tendas de alimentación, produtos médicos e produtos para animais, servizos profesionais, etc.-, ademais da suspensión de actividades culturais e deportivas. De feito, desde hoxe só se pode practicar deporte ao aire libre de maneira individual ou con conviventes e, en todo caso, coa máscara posta. Galicia segue nunha situación grave en canto a contaxios e presión hospitalaria. En San Sadurniño os datos facilitados pola Xerencia da Área Sanitaria indican que hoxe a media mañá había 43 casos activos, tres máis ca onte.

En aplicación das medidas de prevención, o Concello decidiu pechar a Casa da Cultura e tamén a biblioteca municipal, posto que o resto das actividades xa levan semanas interrompidas e espazos coma o ximnasio levan tamén tempo clausurados ante a dificultade para garantir que sexan lugares seguros ao cento por cento.

O DOG sinala a posibilidade de permitir o acceso a áreas de lecer, parques infantís e biosaudables sempre e cando se leven a cabo desinfeccións diarias e se garanta un espazo por persoa de polo menos 4 m². Medidas que o Concello non pode asegurar dada a dispersión xeográfica deste tipo de espazos e a loxística que requeriría telos todos controlados e en todo momento. Por este motivo, e tendo en conta que non se pode vixilar permanentemente o cumprimento da normativa, desde o Concello apélase á responsabilidade individual pedindo que non se utilice ningún destes lugares mentres a situación non o permita.

Fóra da casa consistorial só estaría aberto, polo tanto, o pavillón municipal, aínda que exclusivamente para usos lectivos do CPI e para os adestramentos e partidos do equipo da SM2 do Aldebarán-Intasa que, ao participar nunha competición estatal, continuará coa súa actividade aínda que sen público durante os encontros.

Por outra banda tamén se lembra a recomendación de solicitar cita previa para realizar calquera xestión presencial nas oficinas municipais. Para iso débese chamar antes ao 981 490 027 marcando a extensión 1 no caso de solicitar vez para Servizos Sociais, departamento que xa requiría cita previa antes de declararse a pandemia. No caso de dispoñer de firma ou certificado dixital recoméndase que os trámites máis comúns se fagan a través da Sede Electrónica e que para as comunicacións de incidencias se empregue o teléfono ou a APP Liña Verde, dispoñible en versión web e en aplicativo para Android e iOS.

Na centraliña do Concello tamén se poderá solicitar axuda para a compra de alimentos, medicamentos ou produtos de primeira necesidade no caso de que haxa que gardar confinamento ou non se conte cunha rede de apoio familiar ou veciñal que poida cubrir este tipo de necesidades.

Canda estas medidas particulares que se adoptan en cumprimento da normativa vixente, desde o Concello insístese en que se deben por en práctica todas as obrigas e recomendacións de autoprotección: uso da máscara -tamén na actividade deportiva individual-, separación mínima de 1,5 metros, hixiene respiratoria, non fregar os ollos, o nariz ou a boca, e saír da casa só para o imprescindible, como pode ser acudir ao traballo, mercar alimentos e produtos básicos ou ir a consultas médicas.

Tamén se insiste en que no caso de encontrarnos mal ou presentar síntomas coincidentes cos da COVID-19, debemos quedar na casa -igual que no caso de ter un contacto estreito cun positivo por coronavirus ou de estar en espera dunha PCR- e informar ás autoridades sanitarias chamando ao 900 400 116, nunca acudir directamente ao centro de saúde. Os sinais máis frecuentes da enfermidade son os seguintes: febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos.

En espera de que as vacinas cubran a maior parte da poboación, estas son, polo momento, as únicas accións efectivas que poden manter á raia a propagación do coronavirus e a reprodución da enfermidade que causa, a COVID-19. En San Sadurniño, segundo comunicou esta mesma mañá a Xerencia da Área Sanitaria, estamos hoxe con 43 casos activos, tres máis ca onte e que hai dous días.

Publicacións Relacionadas