HomeA CoruñaSan Sadurniño volve participar no certame Vilas en Flor

San Sadurniño volve participar no certame Vilas en Flor

- Anuncio -spot_img

Os avaliadores da Fundación Juana de Vega visitaron onte os principais espazos verdes da zona urbana

San Sadurniño volve participar neste 2025 no certame Vilas en Flor. Unha iniciativa que se desenvolve en distintos lugares do Estado e outras partes do mundo e que aquí, en Galicia, está coordinada pola Fundación Juana de Vega. Vilas en Flor premia a aquelas vilas e cidades que destacan polas súas accións en favor do medio e da creación de infraestruturas verdes que integren a natureza nos espazos públicos, como xeito de mellorar a calidade de vida da veciñanza. O Concello de San Sadurniño leva participando varios anos e neste momento conta con tres flores de honra do máximo de cinco que se poden obter neste concurso sen dotación económica pero de grande prestixio. O xurado enviado pola Fundación Juana de Vega percorreu onte distintos puntos da zona urbana e os seus arredores para facer a súa avaliación, que abrangue múltiples factores. O que decidan saberase o 14 de novembro en Carballo.

O xurado achégase unha vez ao ano a todos os concellos que participan no programa co obxectivo de valorar o seu compromiso coa mellora e coidado dos espazos verdes. Durante estas visitas téñense en conta diferentes aspectos. En primeiro lugar, valórase o patrimonio vexetal e paisaxístico, atendendo á relación entre o espazo verde e o número de habitantes, aos recursos destinados ao seu mantemento, á diversidade floral, á integración paisaxística, á singularidade dos espazos verdes e á súa adecuación ás necesidades da veciñanza. Tamén se analiza a existencia dun inventario de patrimonio vexetal e a correcta selección das especies empregadas.

Outro dos criterios é o respecto polo medio ambiente e a sustentabilidade, no que se avalía a xestión integral da auga, os programas respectuosos de control de pragas e enfermidades, a xestión sostible dos residuos, a limpeza dos espazos públicos e a calidade do mobiliario urbano.

Finalmente, considérase o uso social e as sinerxías coa actividade turística, valorando a estratexia de promoción vinculada aos espazos verdes, a difusión do distintivo “Vilas en Flor”, os programas de educación ambiental, as accións de participación cidadá e a organización de eventos relacionados cos xardíns e as plantas.

E para todos os anteriores apartados “San Sadurniño ten argumentos verificables e contrastables máis que de sobra para obter unha boa valoración”, comenta o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, que onte guiou o xurado polos xardíns municipais, o paseo fluvial, o arboreto ou a horta de conservación de especies autóctonas Carlos Fornos, entre outros lugares de referencia.

“Demos un paseo vendo os lugares e comentando outras cuestións que forman parte da memoria que enviamos para o certame, como por exemplo a posta en marcha do programa de interpretación Terra de Vida, a organización das dúas grandes feiras anuais, sobre todo a Feira da Plantación, a participación de San Sadurniño no Xeoparque, etc. É dicir, non só temos lugares fermosos e ben coidados, senón que tamén hai unha estratexia pública para poñelos en valor de maneira sostible, pensando no goce da veciñanza e do turismo”, engade Varela.

San Sadurniño leva desde 2021 conseguindo tres Flores de Honra no certame Vilas en Flor. O máximo son cinco flores, un fito que non alcanzou por agora ningún municipio. Para Manolo Varela, ter tres distincións “significa estar entre os concellos que mellor o fan”, aínda que o edil ten confianza en que San Sadurniño poida situarse no top, sexa nesta ou en próximas edicións do concurso. “Chegar ás cinco flores é pouco menos que imposible, pero catro Flores de Honra é algo factible e contamos con moitos méritos para conseguilo”, defende o concelleiro.

O ano pasado participaron en Vilas en Flor un total de 42 municipios galegos. Allariz, Chantada, Salceda de Caselas, Tomiño e Carballo conseguiron catro Flores de Honra. San Sadurniño agarda poder entrar nesta edición nese selecto club de municipios cun maior compromiso coa xestión sostible dos seus espazos verdes. Se o consegue ou non saberémolo o venres 14 de novembro, día no que se entregarán en Carballo as distincións de 2025.

Publicacións Relacionadas