HomeA CoruñaSantiago de Compostela garda un minuto de silencio en solidariedade co pobo...

Santiago de Compostela garda un minuto de silencio en solidariedade co pobo palestino

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, encabezou este venres o minuto de silencio en sinal de solidariedade co pobo palestino que, canda membros da corporación, persoal do Concello e veciñanza se gardou na Praza do Obradoiro. A capital galega sumouse á convocatoria da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para expresar a súa condena polo masacre e esixir ao goberno israelí que deixe inmediatamente de cometer actos prohibidos na Convención sobre o Xenocidio contra a poboación palestina de Gaza.
Minuto de silencio en solidariedade co pobo palestino

A alcaldesa compostelá reclamou “que remate dunha vez o xenocidio do pobo palestino” e se poña fin ao exterminio da poboación de Gaza pola falta dos recursos básicos para poder subsistir. Nese sentido, considerou fundamental que “ninguén se poña de perfil” e desexou que actos coma o deste venres sexan un clamor co que os concellos galegos se manifesten con rotunidade. “O que está pasando el Palestina está cuestionando a propia humanidade. Esperemos que dunha vez por todas a comunidade internacional diga alto e claro ao estado de Israel que hai que facer un alto o fogo imediato”, concluíu.

A esta convocatoria do Concello sumáronse o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; e, por parte de Deputación da Coruña, as deputadas Sol Agra e Natividade González.

Así di o manifesto común da Fegamp:

O brutal ataque de Israel contra a poboación palestina de Gaza suma máis de 60.000 mortos (dos que máis de 16.000 son menores), máis de 100.000 feridos e borrou da face da terra a familias enteiras, arrasado barrios residenciais, destruído infraestruturas críticas e desprazado forzosamente a 1,9 millóns de palestinos e palestinas (máis do 90% da poboación da Franxa de Gaza), causando unha catástrofe humanitaria sen precedentes. Son cifras arrepiantes, inaceptables, que vulneran calquera noción básica do principio de humanidade e que violan os fundamentos básicos do dereito internacional e do dereito internacional humanitario.


De maneira sistemática e a gran escala, o goberno israelí está bombardeando e disparando sobre a poboación civil, ademais de privarlles da necesaria auga e alimentos para a subsistencia. O emprego da fame como arma de guerra, a destrución sistemática de hospitais, escolas e centros humanitarios, así como o asasinato de 330 traballadores e traballadoras da ONU e de máis de 200 xornalistas constitúen violacións flagrantes do Dereito Internacional Humanitario.


En pleno agravamento da operación militar contra a poboación de Gaza hai que sumar a aparición da fame negra, que xa provocou a morte de máis de 300 persoas, incluíndo máis de 120 nenos e nenas. A Organización Mundial da Saúde (OMS) calculou que case dous millóns de menores están en situación de inseguridade alimentaria severa e 345.000 nunha fase catastrófica, con 12.000 en malnutrición severa mentres Israel bloquea na fronteira a axuda humanitaria, sinalando que, mesmo con axuda a curto prazo, as secuelas na saúde dunha xeración de palestinos e palestinas serán permanentes.


O goberno de Israel segue cometendo ataques implacables impunemente que causan a perda incesante de vidas civís palestinas mentres a catástrofe humanitaria en Gaza segue empeorando, polo que a FEGAMP, en representación dos concellos e deputacións provinciais galegas, institucións democráticas firmemente comprometidas cos valores da paz, da xustiza e os dereitos humanos, recolle o sentir da cidadanía galega e acorda demandar o seguinte:


• Que o goberno de Israel poña fin ao bloqueo humanitario imposto a Gaza, garantindo, baixo a coordinación de Nacións Unidas, o acceso completo e sen restricións da poboación de Gaza á asistencia humanitaria en base aos principios de imparcialidade, independencia e neutralidade e poñan fin á ocupación israelí de Gaza, poñendo en práctica a opinión consultiva da Corte Internacional de Xustiza de xullo de 2024 que declaraba ilegal a ocupación por Israel de Gaza e de Cisxordania, incluída Xerusalén Oriental.

• Que o goberno de Israel e Hamás acorden e manteñan un cese do fogo inmediato e sostido encamiñado a protexer a vida da poboación civil en Gaza e se garantan as vías seguras para a entrada de axuda humanitaria na Franxa de Gaza.

• Que o goberno israelí deixe inmediatamente de cometer actos prohibidos na Convención sobre o Xenocidio contra a poboación palestina de Gaza.


• Que a organización terrorista Hamás e outros grupos armados en Gaza liberen inmediatamente aos civís israelís e estranxeiros retidos como reféns, e Israel libere ás persoas palestinas detidas arbitrariamente.


• Que a Unión Europea desenvolva urxentemente a iniciativa política e diplomática necesaria en favor dos dereitos humanos, a xustiza e a rendición de contas, para que se garanta o respecto aos Convenios de Xenebra que esixen, como mínimo, que todos os Estados suspendan as transferencias de armas ás partes no conflito, cooperen para garantir a rendición de contas por violacións do dereito internacional e apoien as institucións e mecanismos internacionais, incluídas as investigacións da Corte Penal Internacional e da Comisión de Investigación da ONU sobre o Territorio Palestino Ocupado.


• Que a Unión Europea se opoña frontalmente a calquera intento de establecer unha presenza militar israelí permanente en Gaza, de modificar as súas fronteiras ou de deportar á poboación palestina de Gaza ou Cisxordania, e recoñeza que este traslado forzoso é unha grave infracción do Cuarto Convenio de Xenebra e constitúe un crime de guerra.


• Que os concellos e as deputacións provinciais galegas condenen enerxicamente toda forma de antisemitismo e islamofobia, reafirmando o compromiso co respecto a todas as comunidades, culturas e relixións, e expresando a súa solidariedade con todas as vítimas, especialmente coas persoas desprazadas, feridas ou que perderon aos seus seres queridos.


En Santiago de Compostela, a 16 de setembro de 2025.

Publicacións Relacionadas