test
Home A Coruña Unha trintena de turoperadores internacionais, xornalistas e bloggers descobren os Camiños Primitivo,...

Unha trintena de turoperadores internacionais, xornalistas e bloggers descobren os Camiños Primitivo, Portugués e Fisterra-Muxía da man de Fairway

- Anuncio -

Realizarán un completo percorrido nestas Rutas Xacobeas para finalizar o 1 de novembro, na xornada inaugural do V Fórum do Camiño de Santiago

Fairway, V Fórum do Camiño de Santiago -que se celebrará entre os días 1 e 3 de novembro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia- vén de iniciar a súa programación co comezo de tres viaxes de familiarización. “En cada edición, procuramos dar a coñecer itinerarios diferentes. Nesta ocasión, apostamos polo Camiño Primitivo, o Portugués e o Fisterra-Muxía”, explica Manuel Oreiro, un dos codirectores do evento. “Contamos cunha trintena de participantes, entre os que se atopan turoperadores de ata 16 nacionalidades diferentes e xornalistas e bloggers especializados en viaxes, que realizarán o percorrido ata o martes 31 de outubro”, engade.
O principal obxectivo destas propostas é que “profesionais de referencia do eido do turismo coñezan de primeira man todo o que as diferentes Rutas Xacobeas poden aportar”. Así, no caso do Camiño Primitivo -comezando desde Asturias-, as persoas asistentes coñecerán, entre outros lugares, o Conxunto Histórico-Artístico de Avilés, a Catedral de Oviedo, as vilas de Grado, Cornellana, Salas, Tineo, Pola de Allande e Grandas de Salime, para iniciar despois o percorrido por Galicia a través da provincia de Lugo, entroncando no Concello de Melide, seguindo polo Camiño Francés ata Compostela.
Pola súa banda, a viaxe de familiarización polo Camiño Fisterra-Muxía, que saíu hoxe desde a Praza do Obradoiro, achegará aos turoperadores participantes enclaves destacados como Pontemaceira (Ames), o núcleo histórico de Negreira, a fervenza do Ézaro (Dumbría), a vila de Fisterra ou o Santuario da Virxe da Barca de Muxía, entre outros. O inicio do percorrido contou coa presenza do deputado delegado do Camiño na Deputación de A Coruña, Antonio Leira, así como do alcaldes de Ames, Blas García; a concelleira de Servizos Sociais de Cee e secretaria da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, Emilia Trillo, ademais de dous dos codirectores de Fairway, Manuel Oreiro e Ana Trevisani, e outros representantes municipais.
No caso do Camiño Portugués, achegaranse a puntos de interese como Porto, Braga ou Valença, para continuar por terras galegas a través de Tui, A Guarda, Baiona, Redondela, Soutomaior e Caldas de Reis para concluír, novamente, en Compostela. A experiencia a pé de camiño está a resultarlles moi sorprendente.

Exhibicións, degustacións, música e propostas de lecer
Todas as viaxes de familiarización terán o seu broche na xornada de apertura do Fairway, V Fórum do Camiño de Santiago, co amplo programa de actividades gratuítas do Open Day. Esta xornada aberta á cidadanía incorpora dúas importantes novidades ao programa: unha exhibición de pratería e acibechería, por parte da Asociación Ourives de Compostela, e unha degustación gratuíta de Filloas de Lestedo, que correrá a cargo da Asociación Cultural da Filloa.
Para esta xornada de apertura, ademais do propio espazo feiral, con preto de 80 expositores -marcando un novo récord de participación-, ofreceranse actividades culturais e de lecer para todos públicos. Ruta “I Camino”, varias sesións de Escape Room, Obradoiro de Mindfulness, ou o Gastroway conforman algunhas das propostas. Como parte destacada do programa, atópanse o espectáculo de contacontos Peregrinas do Além. Instrucións para voltar á casa quando xa morriches, protagonizado por Quico Cadaval e Sole Felloza, e o concerto de Xabier Díaz Trío, co que se pechará a xornada festiva do 1 de novembro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia.
De xeito paralelo, nesta primeira xornada desenvolverase a nova sección do Fairway: a Feira de Emprego. Ademais de actividades formativas e informativas, desde a organización facilitaranse entrevistas de traballo presenciais para atopar os perfís axeitados a arredor dunha trintena de vacantes dispoñibles en máis de 20 empresas do sector.

Más de 3.000 reunións de negocio programadas
Xa nas xornadas do 2 e 3 de novembro, os turoperadores internacionais asistentes aos famtrips participarán no Workshop, que retoma o seu carácter presenzal. Esta sección do Fairway promoverá a celebración de máis de 3.000 reunións de negocio entre empresas locais provedoras de servizos e 40 turoperadores procedentes de 16 nacionalidades. Unha proposta de grande importancia, toda vez que contribúe ao desenvolvemento económico das pequenas e medianas empresas que traballan no sector vencellado ao Camiño de Santiago.

Programa formativo e de debate
Ademais das reunións de negocio, Fairway tamén desenvolverá os días 2 e 3 de novembro no Pazo de Congresos e Exposicións un completo programa formativo e de debate da man das seccións de Academy e Congreso. No primeiro caso, ofreceranse obradoiros prácticos e mesas redondas sobre temáticas vencelladas ao marketing dixital, como as ferramentas de intelixencia artificial, a creación de contidos de calidade nas redes sociais, ademais de exemplos de proxectos nos que se aplican os principios da economía circular.
Pola súa banda, na sección de Congreso falarase sobre temáticas de interese para o sector. A convivencia entre residentes e visitantes, a taxa turística ou os problemas de pragas centrarán as diferentes mesas de debate. Estas contarán con persoas expertas en diversos eidos, así como con representantes de institucións tanto públicas como privadas. Todas estas sesións son de carácter gratuíto, previa reserva de praza a través da web www.fairwaysantiago.com.

Relacionadas

A Escola municipal de teatro infantil de Neda estrea este mércores a comedia “Casa...

0
A escola municipal de teatro infantil de Neda organiza o mércores 26 de xuño, a partir das 19 horas, a súa tradicional Mostra fin...

A Xunta de Goberno dá un novo paso cara á protección do mural pintado...

0
A Xunta de Goberno local acordou esta mañá a aprobación provisional da modificación puntual do Catálogo do Plan especial de protección e rehabilitación da...

Fene propón un verán deportivo para todas as idades

0
Este mércores abre o prazo para inscribirse nos cursiños de verán de kaiak e paddle surf e no campamento lúdico-deportivo Bautismos de mergullo, cursiños de...

O dispositivo de emerxencias da San Xoán realizou 184 asistencias, 45 menos que ano...

0
Os servizos de limpeza viaria levan recollidas 57 toneladas de lixo O dispositivo de máis de 650 persoas encargado de velar pola seguridade en San...

San Sadurniño reivindicará o venres e o sábado a liberdade de ser e sentir

0
O Concello e a Asociación Cultural Brío promoven varias actividades co gallo do 28X, Día Internacional do Orgullo LGTBI+ O 28 de xuño celébrase o...

O Concello presenta un amplo programa de actividades culturais e deportivas para o verán

0
• A XXIII Feira dá Cebola Chata de Miño, a III Feira dá Cultura EnCamiño, cinema ao aire libre, exposicións, concertos ou cursos deportivos...

Publicacións Relacionadas