A autora milanesa Arianna Squilloni e a ilustradora madrileña Raquel Catalina Ledesma son as gañadoras do XVIII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados cun proxecto titulado ‘Grande e pequena’. A obra ‘A espera’, de María Paz García Finch, de Santiago de Chile, recibíu unha mención especial por parte do xurado. Organizado polo Concello de Santiago e a editorial KALANDRAKA, este premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e conleva a publicación da obra gañadora en galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués no mes de novembro.
‘Grande e pequena’ impúxose nunha edición do Premio Compostela á que se presentaron 288 proxectos, 70 máis que á anterior edición, procedentes de 16 países: Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, Estados Unidos, Francia, Honduras, Israel, Italia, México, Perú, Polonia, Portugal e Turquía.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, comunicou a boa nova ás gañadores e salientou que estamos ante “un premio consolidado”, como se pode ver pola calidade, o número dos proxectos e a variedade de países de procedencia das obras. “Agardamos que este álbum contribúa a seguir nutrindo esta colección para desfrute de todo o mundo”, engadiu.
O xurado estivo formado pola ilustradora Mariana Río; a xestora cultural e editora Raquel López Royo; o deseñador gráfico, artista plástico e ilustrador Pep Carrió; o pintor, deseñador gráfico e ilustrador Xosé Cobas; e a directora editorial de KALANDRAKA, Manuela Rodríguez. A alcaldesa do Concello de Santiago e, por delegación, a concelleira de Educación, Míriam Louzao, actuaron como presidentas do xurado; e a técnica do Departamento de Educación, Beatriz Varela, como secretaria.
Os seus membros destacaron da obra ‘Grande e pequena’ que se trata dun traballo que “responde perfectamente ao concepto de álbum ilustrado, onde o texto e a ilustración se complementan de forma harmónica”. Na valoración da obra o xurado tamén salientou que “é un álbum cun sutil fondo poético e de múltiples lecturas: o paso do tempo, a memoria, a natureza, a arte…”. Segundo o fallo, na súa composición narrativa resaltan os silencios que amplían a capacidade da persoa lectora para reflexionar sobre a viaxe vital da protagonista, unha anciá que regresa da cidade ao campo. “Plasticamente resalta polo uso contido da paleta cromática, en contraste co tratamento do branco e negro. A diversidade de enfoques, perspectivas e a secuencia de imaxes redondean o tratamento técnico desta obra”, subliña.
O Concello de Santiago en colaboración con KALANDRAKA, publicarán a obra gañadora en galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués, o vindeiro mes de novembro. A obra premiada constituirá un dos eixos na proxección exterior da citada editorial e da cidade de Santiago a través das feiras internacionais do libro.
Ademais, o xurado concedeulle á proposta ‘A espera’, de María Paz García Finch, de Santiago de Chile, unha mención especial.
Biografía das autoras
Arianna Squilloni (Milán, 1976) vén de Italia, onde estudou Filoloxía Latina e Grega e fixo a súa tese sobre Lóxica Filosófica. Desde 2002 vive en Barcelona, onde traballou en Thule Ediciones desde 2003 ata 2007. En 2008 deulle vida ao seu proxecto persoal abrindo a editorial A buen paso; así mesmo, colabora con revistas especializadas en España e outros países e realiza talleres e proxectos en escolas. Participa de forma cotiá en xornadas e debates, dando clases en cursos e mestrados universitarios. En 2017 formou parte do xurado da exposición de ilustradores da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Entre as súas publicacións hai libro álbum, pero tamén novelas autobiográficas, ensaios e obras de divulgación.
Raquel Catalina Ledesma (Madrid, 1973) adoitaba debuxar de nena sobre os papeis pintados da súa casa, transformando as flores nunha morea de personaxes. Despois estudou Belas Artes na súa cidade natal e unha mestría en ilustración en Valencia, onde vive na actualidade. Participou en varias exposicións e catálogos internacionais: 2018, Ilustrate (Portugal); 2018, Catálogo Iberoamericano de Ilustración; 2018 e 2020 Exposición Baa Kamo (Valencia); 2023 exposición de ilustradores da feira de Boloña. Traballa con editoriais de varios países como Akiara, A buen paso, Ekaré, Thule Ediciones, Edelvives, Andana, RBA, Nosy Crow, Bruaà e Oxford Univertity Press.
Premiados nas edicións anteriores
A primeira gañadora do Premio Internacional Compostela foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada «Cerca». Ao ano seguinte o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por «Un gran soño». O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro «A familia C». O uruguaio Martín León Barreto gañou a cuarta convocatoria con «A viaxe de Olaf». Seguiulle «Bandada», dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez. Na sexta edición a obra elixida foi «Mamá», da arxentina Mariana Ruiz Johnson. Na convocatoria de 2014 foi premiado «Ícaro», do pacense Federico Delicado. A galardoada en 2015 foi «Despois da chuvia», do cordobés Miguel Cerro. Ao ano seguinte, o premio recaeu nos autores gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi por «Unha última carta». Na décima edición gañou «A horta de Simón», da arxentina Rocío Alejandro. Fran Pintadera e Christian Inaraja foron os autores galardoados en 2018 por «Cándido e os demais» e, ao ano seguinte, a búlgara Mariann Máray co álbum «O can de Milu». Na edición seguinte resultou seleccionado o proxecto do italiano Pietro Gottuso, «Dende 1880». Marina Gibert, con «Selva», foi a gañadora en 2021, e a artista peruana Fabiola Anchorena con «Esperando o amencer», no 2022. Na edición de 2023 o premio foi para as autoras catalás Núria Figueras e Anna Font pola súa obra ‘A visita’. E a última premiada foi ‘BIM, BAM, BUM’, de María Girón, en 2024.