• O Centro de Atención Polivalente e Interxeracional ía estar operativo a finais do 2025 segundo o goberno local, pero aínda non se licitaron as obras
• Pedirá explicacións ao executivo de Sanmartín polo atraso deste proxecto que forma parte das 12 esixencias das concelleiras non adscritas que o goberno debe atender antes do final do ano
Marta Álvarez pide “desatascar” o proxecto para a creación dun Centro de Atención Polivalente e Interxeracional no Ensanche. A concelleira non adscrita lembrou este sábado que se trata dun proxecto “estratéxico para combater a soidade non desexada e promover un envellecemento activo cun enfoque interxeracional”, unha iniciativa impulsada no anterior mandato polo goberno de ´Sánchez Bugallo e desde a concellería de Servizos Sociais, entón dirixida pola tamén concelleira non adscrita, Mila Castro.
O centro, chamado a instalarse no antigo local da Tesourería Social de San Pedro de Mezonzo, poderase situar nese espazo grazas á cesión durante 25 anos conseguida polo anterior executivo local tras “unha longa negociación” co Ministerio de Seguridade Social. Con todo, dende a chegada do actual goberno, “o único avance coñecido foi a redacción do proxecto construtivo e a súa aprobación en Xunta de Goberno Local no mes de xuño de 2024” denuncia.
“En dous anos de mandato non se iniciou o proceso de licitación das obras, malia que o propio goberno anunciara que o centro estaría operativo a finais de 2025”, criticou Álvarez. Ademais, lembrou que os orzamentos municipais, acordados coas concelleiras non adscritas, contan con 432.000 euros xa reservados para este fin, “mais a día de hoxe non se produciron pasos efectivos para a execución da obra” lamenta. Así as cousas, preguntará por esta cuestión á concelleira de Servizos Sociais no pleno municipal da vindeira semana, reclamando explicacións polos retrasos na tramitación e un calendario con “prazos concretos” sobre cando podería estar operativo o centro.
Precisamente a licitación destas obras trátase dunha das doce esixencias que as concelleiras non adscritas facían ao comezo deste curso político ao goberno local: doce propostas que deberán estar executadas antes do remate deste ano. Neste sentido, Álvarez lembra que este se trata dun proxecto “que sempre contou co consenso da Corporación Municipal” e pide “acelerar trámites” para que poida ser unha realidade no 2026.
A concelleira non adscrita advertiu tamén da ausencia dun regulamento de uso do centro, unha cuestión que considera fundamental para garantir a súa posta en marcha con éxito. “O regulamento é esencial para definir o funcionamento das estruturas, dos recursos humanos e materiais, así como para asegurar a participación e convivencia entre usuarios, persoal e servizos”, subliñou. Critica que non se avanzara neste proceso, toda vez que o regulamento debe concretar as condicións nas que vai funcionar o centro, “e trátase dun trámite que podería adiantarse mentres avanza a tramitación para o acondicionamento do local”.