A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e membros do goberno local retomaron á volta do verán as diferentes reunións coa veciñanza compostelá e distintas institucións e entidades da capital galega. No mes de setembro e comezos de outubro, a rexedora mantivo distintas xuntanzas neste marco de relacións veciñais con representantes de Verdía, Enfesta, Aríns, Marantes ou A Peregrina, entre outros.
A última reunión tivo lugar este mesmo luns coa Asociación de Veciños Rego das Pedras de Marantes. No encontro, no que tamén participou o concelleiro de Sustentabilidade e Vías e Obras, Xesús Domínguez, e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, presentóuselle á veciñanza o proxecto de abastecemento para os núcleos de Agualada e A Torre. Esta actuación implica un novo trazado de preto de 4.000 metros e permitirá a conexión da totalidade das vivendas deses núcleos. Conta cun orzamento de licitación de preto de 850.000 euros. A rexedora compostelá destacou o importante esforzo coa parroquia, cun millón de euros de investimentos que se executarán nos próximos meses.
Outro dos encontros mantido nas últimas semanas por parte da alcaldesa foi coa veciñanza da Peregrina. Nela, informouse de actuacións previstas para completar o alumeado de baixo consumo e eficiente en toda a parroquia, a redacción de proxectos relacionados coas redes de abastecemento, e deuse conta doutras xa acometidas como a pavimentación do núcleo de Aradas, con cargo ao POS da Deputación da Coruña xa executada. O goberno recolleu as demandas para mellorar outras infraestruturas, servizos e a seguridade viaria na zona.
A mediados de setembro, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, acompañada dos concelleios de Relacións Veciñais, Pilar Lueiro, Vías e Obras, Xesús Domínguez, e de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, mantivo un encontro coa veciñanza de Verdía. Na xuntanza, os responsables do Concello deron conta dos avances para a construción dun parque infantil e biosaludable na antiga estación, que conta con financiación da Deputación da Coruña. Alén de recoller as demandas da entidade, a asociación expresou a súa satisfacción polas actuacións levadas a cabo no centro sociocultural.
Goretti Sanmartín, canda o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, tamén se reuniu durante o mes de setembro coa Asociación de Veciños de Aríns e recolleu as súas peticións. O goberno explicou actuacións como a mellora de evacuación de pluviais na contorna da Cacharela xa finalizadas e comprometeuse a trasladar ás administracións competentes algunhas reclamacións que foron recollidas, como novos accesos na saída da autoestrada na Cidade da Cultura.