A concellaría de Xuventude traballa nun novidoso programa de mobilidade académica, no marco do proxecto Erasmus+, que estará dirixido a estudantes de Formación Profesional de Santiago. O obxectivo é favorecer que o alumnado complete a súa preparación noutros países europeos, a través das prácticas obrigatorias dos ciclos ou de prácticas profesionais unha vez finalizados os estudos.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe este proxecto, xunto con outras actividades que o departamento está a impulsar para favorecer a participación da mocidade.
A tenenta de alcaldes deu conta da xuntanza que vén de manter cos equipos directivos dos IES de Santiago, para achegarlles as propostas nas que está a traballar o departamento de Mocidade “e procurar a interacción e a colaboración da comunidade educativa”. Un dos proxectos máis novidosos é o programa de mobilidade académico, no marco do proxecto Erasmus+. María Rozas explicou que o proxecto está dirixido a estudantes de FP, fundamentalmente de grao medio porque non existen experiencias similares, e tamén ao profesorado de Formación Profesional. A solicitude na que está traballando o Concello enmárcase na modalidade de proxectos de curta duración, que supoñen estancias noutros países europeos de entre 6 e 18 meses.
O departamento de Xuventude estálle a presentar o proxecto ás directivas dos IES, co obxectivo de avanzar cara a integración dos centros nun Consorcio, no que o departamento de Mocidade actuaría como coordinador, “de maneira qu os centros quedarían liberados dun importante traballo que terían que facer para obter as acreditacións para que o seu alumnado poida participar nestes programas de mobilidade”. Ese Consorcio será o que elabore unha proposta para acceder ao financiamento para o programa, unha vez se recollan as demandas e as necesidades específicas de cada centro interesado.
Orzamentos Participativos
A concelleira de Xuventude deu conta tamén do inicio dun novo proceso dos Orzamentos Participativos, “que seguimos reivindicando como unha ferramenta fundamental para fomentar a participación dos mozos e mozas na vida pública e nas decisións que lles afectan”.
Un ano máis, os mozos e mozas poderán decidir o destino de 100.000 euros do orzamento de Xuventude. No que queda de ano e no mes de xaneiro realizaránse talleres nos centros educativos para a configuración das propostas, co obxectivo de que aquelas que sexan viables tecnicamente e cumpran os requisitos sexan sometidas a votación no mes de febreiro.
Como en edicións anteriores, calquera persoa, sen límite de idade, poderá facer propostas, pero só poderán participar na votación as persoas nadas entre o 1996 e 2010, empadroadas en Santiago ou que acrediten estar estudando ou traballando no noso municipio.
María Rozas destacou que os Orzamentos Participativos están xa plenamente consolidados en Santiago, “o ano pasado votaron preto de 1.400 persoas, e deses votos sairon propostas moi interesantes como o concerto que Barry B ofrecerá o próximo día 30 na Sala Capitol, no que tamén actuarán bandas do Centro Xove, e para o que se esgotaron os 800 convites dispoñibles en só dúas horas”.
Consello Municipal de Mocidade
Por último, oñna reunión cos equipos directivos dos IES traballouse na proposta para a convocatoria do Consello Municipal de Mocidade. Este órgano ten como obxectivo favorecer a participación activa dos mozos e mozas, e debe ser un instrumento para trasladar os intereses e necesidades da mocidade, propoñer actuacións e políticas que lles afecten.
Neste mandato actualizouse o regulamento deste Consello, “que databa de 2001 e que polo tanto estaba obsoleto tanto desde o punto de vista da normativa vixente como no que tén que ver coa realidade social”. O obxectivo é convocar o Consello en canto estean seleccionados os representantes do alumnado dos centros educativos.
Aposta pola participación
A tenenta de alcaldesa reiterou que “estes proxectos enmárcanse no obxectivo do Concello que é fomentar a participación da mocidade, porque malia os estereotipos e os prexuízos, os mozos e as mozas teñen moitos intereses, teñen moito que dicir, e a nosa obriga como administracións públicas é escoitalos e achegarlles as solucións que nos requiren”. Nese sentido, María Rozas salientou a boa asistencia ao encontro coa ministra de Xuventude celebrado onte no Centro Xove. A concelleira reiterou o agradecemento a Sira Rego ”polo interese demostrado polas políticas que impulsamos desde Santiago, e sobre todo polo apoio comprometido para o proxecto da Factoría de Salgueiriños, que vai ser un antes e un despois nas políticas públicas para a mocidade”.



