HomeA CoruñaAs concelleiras non adscritas reiteran a súa negativa a unha moción de...

As concelleiras non adscritas reiteran a súa negativa a unha moción de censura: “é incomprensible o esforzo estéril por insuflar un debate superado”

- Anuncio -spot_img

§ “Nós queremos entrar nos debates de vivenda, de servizos públicos e de investimentos nos nosos barrios, eses son os únicos debates que nos interesan, non os de reparto de sillóns” aseguran

§ Gonzalo Muíños reitera que o programa electoral co que concorreron as eleccións “está nas antípodas” do de Borja Verea e apunta: “a nosa única candidata alternativa posible a este goberno é Mercedes Rosón”

O grupo de concelleiras non adscritas non está disposto a entrar no debate sobre unha posible moción de censura ao goberno local. Así o manifestaran xa no pleno do mes de abril deste mesmo ano ou no almorzo informativo co que Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez abriron o curso político hai unhas semanas. Porén, este mércores foi Gonzalo Muíños quen se amosou moi crítico ao cualificar de “incomprensible” o “esforzo estéril dalgunhas persoas por insuflar un debate que está superado desde hai tempo” e no que, precisa, nin el nin as súas compañeiras “quixemos participar nunca”.
“Nin nos sentimos interpelados nin cremos que sexa un debate que interese ás nosas veciñas e veciños, que o que queren é que traballemos para mellorar os servizos públicos, impulsar proxectos importantes para o noso municipio e, no noso caso concreto, agardan que fagamos unha oposición esixente, pero útil e construtiva” apunta.
“Temos un contrato asinado coas persoas que nos votaron: o noso programa electoral”

Gonzalo Muíños reiterou a negativa das catro concelleiras non adscritas a facer alcalde a un candidato do Partido Popular e faino ademais ondeando a bandeira da coherencia: “nós temos un contrato asinado coas persoas que nos votaron que é o noso programa electoral que está nas antípodas do programa do señor Verea”. Neste sentido, precisa que “por coherencia coa nosa palabra, nós só apoiaríamos unha moción de censura na que a nosa compañeira Mercedes Rosón fora a candidata” e recalca que Rosón sería a única “candidata alternativa posible” das non adscritas ao goberno local actual.

Aínda que as concelleiras non adscritas recoñecen que o executivo de Sanmartín “peca de soberbia vista a deficiente xestión” que lastran nestes dous anos de mandato, aseguran que non van entrar en “debates de sillóns”. “Nós queremos entrar en debates de vivenda, de servizos públicos e de investimentos nos nosos barrios e parroquias” apunta Muíños que recalca que estes serían os “únicos debates” nos que as non adscritas quererían participar, “o resto, xa llo deixamos a outros”.

Publicacións Relacionadas