HomeA CoruñaGonzalo Muíños reclama ao goberno local avanzar nun proxecto para a creación...

Gonzalo Muíños reclama ao goberno local avanzar nun proxecto para a creación de beirarrúas en Ponte de San Lázaro de Abaixo e Agro dos Mozos

- Anuncio -spot_img

• Muíños, Castro e Rosón mantiveron un encontro coa veciñanza da zona e censuran a negativa do goberno local para “dialogar e escoitar a cidadanía”

• Pide ademais que se realicen os trámites necesarios con Augas de Galicia para limpar o regato que transcorre pola zona para “evitar futuros desbordamentos cando chegue a tempada de chuvias”

As concelleiras non adscritas reclaman que se actúe nas rúas Ponte de San Lázaro de Abaixo e Agro dos Mozos “para garantir a seguridade dos peóns e mellorar o mantemento do espazo público”. Gonzalo Muíños pide que se acometa unha roza “urxente” da maleza que invade as cunetas e que se acometa unha reparación “en condicións” da calzada xa que, denuncia, “os rebacheos realizados nas últimas semanas non solucionaron nada”.

Muíños, xunto a Mercedes Rosón e Mila Castro, mantiveron un encontro coa veciñanza da zona que vén denunciando as altas velocidades ás que circulan por esa rúa vehículos que acceden a modo de atallo ao polígono de Costa Vella: “é preciso actuar xa que moitos condutores están empregando esta rúa como alternativa á SC-20 para acceder de San Marcos e San Lázaro ao polígono industrial a través do barrio de Amio” precisa.

Neste sentido pide que se instalen badéns e, ao tempo, se avance nun proxecto para a construción de beirarrúas que permitan ás veciñas e veciños da zona transitar a pé con seguridade. Unha proposta que, adianta, levarán ao pleno deste mes de outubro logo de que a veciñanza estea agardando desde o pasado 19 de xuño unha resposta do goberno local, logo de presentar por rexistro unha serie de demandas de actuacións urxentes acompañadas dunha recollida de medio centenar de sinaturas.

Critica neste sentido Muíños que, “de novo constatamos as dificultades do executivo da señora Sanmartín para dialogar e escoitar á cidadanía, xa que levan agardando case catro meses por unha resposta do concello”.

Planificación para previr inundacións

Gonzalo Muíños reclama ademais que desde o goberno local se informe a Augas de Galicia da situación na que se atopa o regato que pasa pola zona para que, como organismo competente, dea as instrucións convenientes da forma na que se debe limpar o leito: “pedimos que se actúe con planificación, que se limpe canto antes esa zona para evitar futuros desbordamentos cando chegue a tempada de chuvias”.

As concelleiras non adscritas propoñen tamén que se instale unha boca de incendios no barrio, aproveitado unha toma de auga que existe na confluencia de ambas rúas que na actualidade se atopa agochada e piden que, con carácter inmediato, a través da propia brigada de obras, se retiren as bases de formigón que sustentaban as antigas farolas de forza que iluminaban a vía e que supoñen un “obstáculo innecesario” para os peóns.

Publicacións Relacionadas