O Pleno da corporación local deu luz verde este xoves cos votos a favor de BNG, CA, PSOE e concelleiro e concelleiras non adscritas e os votos en contra de PP á aprobación provisional da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) PERI-2, a parcela onde se ubicaba o antigo colexio Peleteiro. “Santiago, unha cidade de 100.000 habitantes na periferia de Europa, está contribuíndo a cambiar o paradigma urbano introducindo, a través do planeamento urbanístico e, por tanto, en exercicio das nosas competencias municipais, unha reserva obrigatoria moi importante de vivenda protexida no centro da cidade, no corazón do Ensanche”, proclamou o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tomou a palabra antes da votación e subliñou que é unha xornada para felicitarse. Destacou o “consenso maioritario político” e o “consenso maioritario social” que se traduciu nesta aprobación plenaria. “Temos unha oportunidade histórica”, enfatizou, así mesmo, a rexedora municipal. E remarcou que foi coa actual proposta cando se fixo unha reserva dun, polo menos, 45% para vivenda protexida no Ensanche, facendo fincapé na negociación co Estado para acadar un acordo e no feito de que a parcela se incluíu no primeiro paquete de traspaso de activos da Sareb á nova empresa pública de vivenda estatal.
Na súa intervención no Pleno do Concello, o concelleiro reflexionou sobre que “un dos pecados orixinais do urbanismo moderno foi a localización sistemática e case exclusiva da vivenda protexida, da vivenda a prezos accesibles, na periferia das cidades, cando non directamente fóra delas”. Neste sentido, engadiu que “moitos dos grandes desafíos urbanos do século XX e do século XXI e moitas das problemáticas socioespaciais do noso tempo son consecuencia directa dese modelo global e evidencia do seu fracaso”. E por iso destacou a relevancia deste “cambio de paradigma” ao que está contribuíndo a capital de Galicia desde a periferia de Europa.
En definitiva, Lestegás, que reivindicou esta aprobación coma un “éxito colectivo”, sintetizou que a ordenación que se aprobou hoxe de forma provisional é “unha solución razoada, razoable, equilibrada e optimizada que conxuga diferentes necesidades, condicionantes e demandas para resolver, tras un longo camiño non exento de dificultades e coa implicación e intervención de moitas persoas, a situación dun espazo de oportunidade de 5.280 m2 no corazón do Ensanche compostelán”.
O planeamento vixente establece unha superficie máxima de uso residencial de 4.500 m2, mentres que a ordenación que sometemos a aprobación provisional permite ata 16.200 e obriga a destinar a vivenda protexida polo menos o 45% da superficie total edificable, excluída a planta baixa. Trátase dunha mellora “moi substancial e moi relevante”, en palabras de Lestegás, con respecto a anteriores propostas que establecían unha reserva obrigatoria de vivenda protexida do 20%
Pero ademais de priorizar o uso residencial e de introducir unha reserva moi importante de vivenda protexida no centro da cidade, a ordenación proposta protexe o comercio de proximidade que define e lle dá carácter ao Ensanche, evitando a creación dun centro comercial.
Fronte á ordenación de 2003, na que os usos de comercio, ocio e restauración poden ocupar entre 10.000 e 12.000 dos 23.500 m2 edificables de uso lucrativo, na modificación aprobada este xoves eses usos pasan de ser maioritarios a concentrarse nas plantas baixas. Así mesmo, non se autoriza a implantación de pubs, discotecas e outros locais de ocio e restauración do grupo II que si permite a ordenación vixente. Elimínase tamén o uso hoteleiro, que de acordo coa ordenación aprobada en 2003 pode ocupar ata 7.000 m2.
Para alén dos usos, esta modificación puntual do planeamento serve para redefinir a volumetría das edificacións previstas e crear espazos urbanos de calidade nun barrio que está moi necesitado deles. Redúcese a edificabilidade de 23.500 a 19.000 m2 construídos de uso lucrativo: unha redución de case o 20% da edificabilidade con respecto á ordenación vixente.
Mantéñense as dotacións públicas de cesión obrigatoria ao Concello que foron definidas na equidistribución aprobada en 2005, un asunto que, dixo Iago Lestegás, “nunca se cuestionou”. Deste xeito, prevese un equipamento público de 900 m2 e un espazo libre público de 1.395 orientado ao sudoeste (cara á rúa de San Pedro de Mezonzo), pero cun acceso amplo e diáfano dende o norte (dende a rúa da República Arxentina). A apertura cara esa rúa acada os 34 metros na liña de fachada, fronte aos 12,8 que se pensaran inicialmente.
Ademais do equipamento público de 900 m2 que a propietaria dos terreos deberá cederlle obrigatoriamente ao Concello, o uso de equipamento é un uso compatible na ordenación proposta e por tanto poderá destinarse máis superficie (para alén deses 900 m2 de cesión obrigatoria) a equipamentos. Establécese tamén unha dotación mínima obrigatoria de 400 prazas de estacionamento baixo rasante.
Tres alegacións
No período de exposición pública presentáronse tres alegacións (unha delas favorable á ordenación proposta) que se examinaron e responderon. Ademais, Lestegás lembrou na súa intervención que houbo interlocución directa coa veciñanza para explicar as modificacións introducidas neste período nunha reunión mantida recentemente.
E analizadas e vistas as alegacións, Lestegás explicou que no bloque máis grande ampliouse o recuamento do primeiro ático de 1 a 2,5 metros na zona de contacto co edificio sito no número 13 de República Arxentina, e recuouse tamén 2,5 metros respecto ao patio posterior que dá ás traseiras da rúa da Rosa, mantendo os 3 metros xa previstos en febreiro con respecto á fachada que dá á praza. Ao respecto, o concelleiro de Urbanismo indicou que ao incrementarse o recuamento deste ático, mellórase a relación da nova edificación con respecto aos edificios da contorna.
Aprobación definitiva do PEID para a implantación do IDIS
Por outra banda, Pleno tamén aprobou forma definitiva, por unanimidade, o Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) que ordena a implantación do novo edificio do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) na Choupana, nun ámbito cualificado como equipamento universitario ao sur da avenida do Mestre Mateo.
O ámbito do PEID ten unha superficie de 5.817 m2 e a maior parte del corresponde a unha parcela de 4.278 m2, propiedade da Compañía de Xesús, onde se prevé a construción do edificio e que o IDIS se compromete a adquirir, pero debe incorporarse a dominio público.
Outro dos asuntos que abordou o pleno foi a inadmisión de recursos contra a ordenanza que regula a comunicación ao Concello dos usos de hospedaxe asimilados a vivenda, que se aprobou definitivamente o 4 de novembro de 2024. Presentáronse tres recursos administrativos de revisión, de idéntico contido, por parte de tres particulares, que foron rexeitados posto que só poden impugnarse directamente en sede xurisdicional. Este punto aprobouse cos votos favorables de BNG, CA, grupo socialista e non adscrito/as, e a abstención do PP.
O pleno tamén deu luz verde ao resto de asuntos urbanísticos, como o cambio de uso da parcela municipal ubicada no número 2 da praza da Nosa Señora da Mercé a favor da Fundación Andrea, por unanimidade. Desta maneira, aprobouse que esta parcela teña a cualificación de dotacional múltiple. Ademais, o Pleno deu o visto e prace tamén de forma unánime á modificación puntual do PXOM en Codesedas, co fin de sinalar nos planos as aliñacións dun camiño público existente, debido a que a cartografía vixente non reflicte o trazado.
Outros asuntos
O Pleno municipal deste mes de outubro deu tamén luz verde á aprobación dun expediente de suplemento de crédito por un importe de 3.870.166,45 euros destinado a reducir o nivel de endebedamento neto municipal, procedente da liquidación do orzamento do exercicio 2024. Este asunto foi aprobado cos votos a favor de BNG, CA, PSdeG-PSOE e non adscrito/as e os votos en contra de PP.
Por outra banda, aprobouse por unanimidade á proposición presentada pola concelleira non adscrita Mercedes Rosón Ferrreiro para a mellora da conectividade do barrio de Conxo. Igualmente, todos os grupos apoiaron a proposición presentada polo grupo socialista relativa á posta en marcha dun sistema municipal de verificación da accesibilidade nas intervencións municipais nos espazos públicos urbanizados.



