HomeA CoruñaMercedes Rosón anuncia o voto a favor ao regulamento do foro da...

Mercedes Rosón anuncia o voto a favor ao regulamento do foro da taxa turística tras incluír melloras na súa composición

- Anuncio -spot_img

Incrementar a presenza da veciñanza do ámbito do Plan Especial, a inclusión dunha representación do departamento de Servizos Básicos e a creación dun Grupo de Traballo específico para o Ano Santo foron os cambios introducidos polas concelleiras Non Adscritas no texto que se aprobará este xoves.

Mercedes Rosón anunciou este martes o voto a favor do regulamento do Foro de Turismo Sustentable que se encargará da gobernanza do 80% do recadado pola taxa turística. Un voto a favor que chega despois de que as Non Adscritas negociaran varios cambios na redacción do documento orientadas a reforzar a presenza da veciñanza do ámbito do Plan Especial ou a formulación dun grupo de traballo específico para cada Ano Santo.

En concreto, Rosón destacou o reforzo da representación veciñal das zonas incluídas no ámbito do Plan Especial -como a cidade histórica, San Pedro ou Galeras- ao considerar fundamental dar voz ás áreas que soportan en maior medida “as externalidades negativas do turismo”, ao mesmo tempo que procuran garantir “unha correcta representación de todos os intereses”, subliñou.

Así mesmo, tamén propuxeron -e así figura no documento definitivo que se votará este xoves- a incorporación dunha figura técnica do departamento de Servizos Básicos ao foro, incidindo en que a calidade dun destino turístico vai máis alá da oferta cultural ou de ocio, “senón que depende tamén da limpeza das rúas, do mantemento dos equipamentos e do coidado das zonas verdes”. Nesta liña, engadiu que o recadado pola taxa turística debe repercutir tamén nunha mellora dos servizos e “en investimentos que perduran no tempo”.

Para Rosón os ingresos da taxa turística deben reverter na mellora do Concello e na calidade de vida da veciñanza: “máis importante que cobrar a taxa turística é que o recadado reverta na veciñanza”, afirmou, incidindo en que estes fondos deben contribuír a “mellorar servizos públicos, infraestruturas e promover un turismo sustentable”.

“O recadado debe permitir que o modelo turístico non nos custe calidade de vida ás persoas que vivimos en Santiago de Compostela”, destacou Rosón, defendendo unha cidade “preparada para asumir a carga turística da tempada alta, pero pensada tamén, e sobre todo, para quen a habita”.

Grupo de traballo específico para cada Ano Santo

A terceira esixencia das Non Adscritas para apoiar o regulamento do Foro de Turismo foi a creación obrigatoria dun grupo de traballo específico para cada Ano Santo, de maneira que este órgano sexa obrigatorio constituílo e non só potestativo do Foro en cada momento, co obxectivo de planificar e coordinar este evento desde Santiago.

“Entendemos que é preciso crear un órgano de participación temático e temporal co propósito único de liderar o Ano Santo desde Santiago” explicou Rosón que engadiu que a composición dese grupo de traballo debe ir máis aló do sector turístico e, ademais de incluír á representación veciñal, tamén deberá contar co comercio, colectivos culturais e de ocio. Todo co obxectivo de que “todas as ferramentas de financiamento, subvencións, patrocinios e deducións fiscais asociadas ao Xacobeo alcancen en primeiro termo en Santiago, no seu tecido empresarial e no sector turístico local”.

Finalmente, a edil tamén criticou o atraso do goberno local na constitución deste órgano, lembrando que o prazo para aprobar o regulamento remata o vindeiro 1 de abril. “Hai uns ingresos da taxa turística froito da primeira liquidación do recadado desde outubro a xaneiro, que non sabemos a canto ascenden e que terán que agardar”, apuntou, concluíndo con que “chegaron antes os cartos que o regulamento”, toda vez que o prazo para que o sector realizara a primeira liquidación rematou o 20 de xaneiro.

Publicacións Relacionadas