• Pide a goberno e oposición que se siga o exemplo de “xenerosidade” do persoal dos centros, disposto a retirar a denuncia para a aplicación do convenio de eventos
• “Non solucionamos nada pedindo agora dimisións, senón que debemos procurar e ofrecer alternativas, e xa haberá tempo de explicacións”
Tender pontes co outro licitador do concurso para a dinamización e mediación dos centros socioculturais, acompañar ao persoal neste proceso e asegurar as penalizacións necesarias á anterior adxudicataria para aboar as catro nóminas e a paga extra que teñen pendente os traballadores da rede de centros: é o que reclama Mercedes Rosón ao goberno, trala renuncia de Eulen a facerse cargo do servizo logo de serlle adxudicado hai dúas semanas. Ese é o itinerario que propoñen as concelleiras Non Adscritas á crise aberta na xestión da rede de centros socioculturais.
Neste sentido, Rosón pide “altura de miras e responsabilidade” tanto ao goberno local como a oposición. “Non solucionamos nada pedindo dimisións” apunta a edil non adscrita, que recalca que o primeiro é ofrecer alternativas “e despois xa haberá tempo de pedir explicacións”. Pide inspirarse na “xenerosidade” do persoal, que nos últimos días anunciou a súa disposición a retirar a denuncia presentada polos traballadores por non aplicarse o convenio de eventos en lugar do de ocio estatal, a cambio de que se negocie un propio e reclama ao goberno local que inicie un proceso de diálogo coa outra empresa que concorrera á licitación para evitar que a crise vaia a máis.
“Temos que ser conscientes do que estamos falando” advirte Rosón que sinala que uns 30 centros socioculturais poderían verse obrigados a pechar, se as monitoras -que dependen deste contrato- non os abren e as aulas de xogo, “un servizo fundamental para a conciliación de moitas familias” tamén poderían deixar de funcionar nun eventual parón de actividade. Un contexto ante o que pide dilixencia ao goberno local e “transparencia absoluta”, reclamando que este mesmo luns haxa unha comparecencia do concelleiro responsable explicando todas as xestións realizadas.
Unha crise dilatada no tempo
Rosón, aínda que insiste en que non é momento de confrontación política, lembra que o proceso vén de longo e que as cousas “non se fixeron ben ata agora”, prorrogando dúas veces á actual concesionaria, a pesar dos reiterados incumprimentos das condicións laborais dos traballadores e dilatando “en exceso” o proceso para a nova licitación. De feito, a propia concelleira non adscrita xa reclamara en decembro do 2024 que se axilizara o proceso, aínda que sen éxito.
“Está claro que se o servizo se licitara e adxudicar antes, non arrastraríamos todos os condicionantes que agora agravan a situación trala renuncia da nova adxudicataria” lamenta.



