A voceira do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos tratados hoxe en Xunta de Goberno, entre os que salientou tamén a adxudicación das obras de ampliación da rede de saneamento, que permitirá dotar deste servizo a 23 vivendas da Sionlla de Abaixo e Formarís.
A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns un protocolo de colaboración coa Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica para favorecer a implantación da súa nova sede na cidade.
A portavoz municipal explicou que o obxecto deste protocolo é o de posibilitar a construción desta sede e instalacións para a Fundación, para o que o Concello impulsará a tramitación das actuacións necesarias para a cesión da parcela baleira a carón do aparcadoiro en superficie de Santa Marta, na rúa das Trece Rosas.
Na actualidade, a Fundación ten a súa sede no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), mais as instalacións das que dispón son insuficientes para acoller en condicións axeitadas as actividades de investigación e científico-sanitarias que desenvolve, ao tempo que limitan a posta en marcha e desenvolvemento de proxectos investigadores de maior alcance.
A Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica préstalle servizos ao sistema galego de saúde fundamentalmente sobre asesoramento xenético para o diagnóstico de enfermidades de orixe xenética, de xenética oncohematolóxica para diagnose e tratamento de pacientes, probas farmacoxenéticas ou análises xenéticas para detectar alteracións no xenoma susceptibles de provocar enfermidades.
No campo da investigación, a Fundación desenvolve unha actividade que a fixo acredora dun amplo recoñecemento a nivel nacional e internacional. Neste senso, a fundación participa en organizacións como o Grupo de Medicina Xenómica da USC, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) ou en proxectos e consorcios nacionais e internacionais, como HELIX Cohor ou PanCanRisk.
“A construción desta sede e instalacións supón o establecemento na cidade dunha entidade sanitaria e investigadora punteira, de prestixio e relevancia internacionais, que beneficiará á cidade, consolidando a súa relevancia no campo científico-sanitario”, valorou Míriam Louzao.
Ampliación da rede de saneamento
Por outra banda, adxudicouse o contrato de obras de execución da ampliación da rede de saneamento no sector leste do lugar de Formarís (Enfesta) á empresa Obras y Viales de Galicia SL, que presentou oferta por valor de 251.420,00 euros (IVE incluído). Este proxecto está dentro do plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2025. O prazo de execución das obras é de catro meses.
Estas actuacións permitirán ampliar a rede municipal de saneamento de augas residuais, dotando deste servizo os lugares da Sionlla de Abaixo e Formarís. A través das obras, establecerase unha ligazón coa rede municipal existente no núcleo da Sionlla de Arriba. Un total de 23 vivendas gañarán acceso á rede municipal de saneamento.
Míriam Louzao sinalou que a adxudicación destes traballos permite continuar a ampliar a rede de saneamento na área rural compostelá, nun esforzo continuado durante os últimos anos.
Outros asuntos
No tocante ás licenzas de obra maior, a Xunta de Goberno deu luz verde á demolición de vivienda unifamiliar sita no número 26 da rúa do Carme de Abaixo e á construcción dun muro de contención nas parcelas dos números 11 e 12 da rúa da Virxe da Cerca.
Por outra parte, en relación á factura de xaneiro do contrato de xestión dos centros socioculturais, o Goberno Local aprobou reter as cantidades debidas á empresa SERVIPLUSTOTAL SL como garantía de pago dos salarios aos traballadores, dado que subsisten débedas salariais acreditadas e non satisfeitas do persoal adscrito aos contratos de Servizos para a xestión da rede de centros socioculturais do Concello de Santiago (Lote I e Lote IV).
Aprobouse tamén ás bases reguladoras da convocatoria de cesión de usos das piscinas municipais, a convocatoria de axudas para a realización de actividades de dinamización e promoción do pequeno comercio e outros convenios de colaboración.

