A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, acompañados de persoal técnico, visitaron este martes o barrio das Fontiñas para comprobar os traballos que se fixeron nas últimas semanas. Sanmartín Rei informou que o Concello leva executados máis de 440.000 euros para mellorar máis de 10.000 m2 de viarios públicos.
Os traballos nas Fontiñas incluíron asfaltados en varias rúas (Roma, Varsovia, Londres, París, Moscova, Bruxelas e Lisboa) e se suman aos traballos de mellora de accesibilidade na rúa Berlín, eliminando barreiras para o desprazamento. Alén das actuacións neste barrio, a rexedora lembrou outras actuacións como a da Costa do Vedor ou cruzamento do Hórreo con Gómez Ulla, que tamén incluíron melloras de accesibilidade e asfaltado.
Outra das actuacións de maior investimento que se executaron nas últimas horas desenvolveuse na N-634, cun importe de 120.000 euros para mellorar o pavimento desta estrada que conecta coa zona de San Marcos. E tamén se desenvolveron actuacións en San Lázaro, Camiño Francés, República de Arxentina, Ponte Vella de Vidán ou Burgo das Nacións.
“Desde que o tempo o permitiu, estamos facendo intervencións para mellorar a situación das rúas e dos viarios do concello, tanto no ámbito urbano como no rural”, explicou Goretti Sanmartín. A alcaldesa destacou que o Concello “segue adiante cunha planificación que está feita desde o departamento de Obras”, ao que lle agradeceu o traballo intenso.



