Marta Abal critica que a actuación municipal deixase a vía “peor do que estaba” e advirte de que a grava solta dificulta o paso do alumnado con mobilidade reducida.
A concelleira socialista acusa ao executivo local de minimizar o problema nunha estrada pola que circulan diariamente autobuses escolares, cadeiras de rodas e vehículos de servizo.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a “falta absoluta de sensibilidade” do Goberno de Goretti Sanmartín tras as obras executadas na vía principal de acceso ao Colexio de Educación Especial da Barcia, unha actuación que, segundo advertiu, “deixou a estrada peor do que estaba”.
Abal explicou que o estado previo do pavimento xa xeraba problemas importantes para as familias e para o alumnado do centro, especialmente para as persoas con mobilidade reducida. Porén, advertiu de que a reparación realizada polo Concello agravou aínda máis a situación. “Se ata o de agora o pavimento presentaba numerosas fochancas que as familias e o alumnado tiñan que sortear coas cadeiras de rodas, as tarefas de reparación deixaron a estrada peor do que estaba”, sinalou.
A edil socialista alertou de que a grava solta existente actualmente na vía “dificulta os desprazamentos do alumnado e pode resultar perigosa para as nenas e nenos con mobilidade reducida”, nun acceso utilizado diariamente por persoas usuarias especialmente vulnerables.
Neste sentido, criticou tamén as explicacións ofrecidas polo goberno local para xustificar a actuación executada. “O concelleiro responsable xustifica a actuación alegando que non se trata dunha vía moi transitada e que, por iso, non procede asfaltar en quente”, lembrou Abal, quen advertiu de que esta afirmación “é incerta”, xa que pola vía circulan cada día autobuses escolares, cadeiras de rodas e múltiples vehículos de reparto, dado que o centro conta tamén con comedor e residencia.
Para a concelleira socialista, estas declaracións evidencian “unha profunda falta de sensibilidade do goberno local cos dereitos e coa dignidade das nenas e nenos, das mozas e mozos con discapacidade e das súas familias”.
Abal trasladou ademais o apoio dos socialistas ás reivindicacións da ANPA do CPEE da Barcia, coa que, segundo explicou, manteñen contacto permanente. “Compartimos plenamente o malestar trasladado polas familias”, asegurou.
Por último, a concelleira socialista esixiulle ao Goberno da señora Sanmartín que actúe de maneira inmediata para resolver esta situación cunha intervención “á altura das necesidades reais das persoas que utilizan esta vía cada día”. “A falta de sensibilidade demostrada ata agora é inaceptable”, concluíu.

