HomeA CoruñaO PSdeG denuncia que o Goberno de Sanmartín deixa sen resolver o...

O PSdeG denuncia que o Goberno de Sanmartín deixa sen resolver o 60% das queixas cidadás

- Anuncio -spot_img

Guinarte denuncia que o Goberno da señora Sanmartín só respondeu a 4 de cada 10 queixas, a peor cifra da serie histórica, malia contar co maior número de cargos directivos e persoal de apoio da súa historia recente.

Os socialistas subliñan a contradición entre o discurso de Goretti Sanmartín na oposición, cando denunciaba falta de transparencia, e os datos actuais, claramente peores que os do mandato socialista.

O voceiro cuestiona que a alcaldesa anuncie que recibirá cidadáns no seu despacho mentres o Concello incumpre os procedementos formais de resposta ás queixas e mantén deteriorados os mecanismos regulados de participación.

Guinarte alerta tamén de graves eivas no Portal de Transparencia e reclama “menos propaganda e máis cumprir coas obrigas de transparencia”.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, denunciou hoxe o “retroceso histórico” na resposta ás queixas e suxestións presentadas pola cidadanía, tras analizar os datos da última Comisión de Queixas e Suxestións.
Guinarte asegurou que a situación actual evidencia “a falta de transparencia e a falta de resposta do Goberno Municipal ás queixas e suxestións que lle formulan os cidadáns”, lembrando que o propio Concello establece un prazo máximo de tres meses para contestar as solicitudes rexistradas a través da Oficina de Queixas e Suxestións.
O voceiro explicou que, aínda que o número de queixas aumentou tras a pandemia, o dato determinante é a capacidade de resposta do Goberno. En 2025 rexistráronse 610 queixas, pero “o ano 2025 tivo a porcentaxe máis baixa de resposta ás queixas e ás suxestións, unha porcentaxe do 40%, ou sexa, o goberno municipal só respondeu, só resolveu 4 de cada 10 queixas”.
No lado contrario, a porcentaxe de queixas sen resolver acadou o 59,84%. “Estamos no 60% de queixas sen resolver, unha porcentaxe que nunca se alcanzara”, advertiu, cualificando o dato como un salto cualitativo respecto aos anos anteriores.
Guinarte lembrou que durante o mandato socialista se acadaron cifras significativamente mellores, como o 80% de resolución en 2022 ou o 61% en 2023, fronte ao 44% de queixas sen resolver en 2024 e ao case 60% actual. Ao seu xuízo, estes datos desmontan o discurso que a actual alcaldesa, Goretti Sanmartín, mantivo na oposición e evidencian que a esixencia que formulaba daquela non se corresponde coa súa práctica actual de goberno..
Neste sentido, recordou que a señora Sanmartín, cando estaba na oposición, poñía “moi de relevo a suposta falta de transparencia e a suposta falta de resposta do goberno socialista ás queixas”, mentres que hoxe os datos oficiais reflicten unha realidade peor que a da etapa anterior. Para o voceiro socialista, existe unha evidente contradición entre o que se esixía daquela e o que se practica agora desde o goberno.
“Sabemos que, seguramente, non é posible resolver todas as queixas, e nunca se deu esa situación, pero é que as porcentaxes empeoraron moi substancialmente, habendo un número máis baixo de queixas que o ano pasado”, subliñou.
Guinarte puxo exemplos concretos por áreas que cualificou de “moi chamativos”. En mobilidade e seguridade, de 146 queixas ou suxestións presentadas só se resolveu 1 expediente; en urbanismo, 0 de 11; en licenzas e disciplina urbanística, 2 de 24; en atención ao contribuínte, 5 de 26; e en parques e xardíns, 1 de 52.
Para os socialistas, resulta especialmente grave que esta caída na resposta se produza nun momento no que o Goberno municipal conta co maior número de persoal directivo e de apoio da súa historia recente. Ao seu xuízo, existe unha “desidia” na xestión e unha perda de prioridade na atención á cidadanía.
A análise socialista esténdese tamén ao ámbito da transparencia institucional. Guinarte denunciou “eivas moi notables” no Portal municipal, como ordenanzas fiscais modificadas pero non actualizadas na súa versión vixente, retribucións e listaxes de concelleiros e persoal directivo sen actualizar desde 2024, “estamos no ano 26” e a ausencia, durante todo o mandato, da publicación do período medio de pago a provedores.
O voceiro cuestionou ademais a coherencia do anuncio da alcaldesa de recibir cidadáns no seu despacho mentres se deterioran os mecanismos formais de resposta. “A transparencia e a atención aos cidadáns non é solo facer un anuncio nos medios”, advertiu, reclamando “menos propaganda e máis cumprir cos obrigas de transparencia e de dar resposta aos cidadáns que xa están establecidas polas propias normas municipais”.
Para as e os socialistas, o Goberno da señora Sanmartín debe adoptar medidas inmediatas para corrixir esta situación e recuperar estándares mínimos de resposta e transparencia, advertindo de que a atención á cidadanía non pode converterse nun exercicio de imaxe mentres os datos oficiais evidencian un empeoramento sen precedentes.

Publicacións Relacionadas