No marco de #ConversasDeBarrio, o candidato socialista á Alcaldía visitou ASPAS e sinalou que “queremos que as entidades sexan unha prioridade na acción do goberno municipal, que sintan o alento e o respaldo do Concello, que Santiago lidere o apoio ao terceiro sector”
“Para nós, todas as entidades son importantes. Todas forman parte de Compostela e todas teñen moito que aportar no proxecto de cidade que estamos a construír”, destacou, ao tempo que reclamou á Xunta que cumpra coa cidade xa que ten as competencias na materia
Pedro Blanco manterá durante esta xornada encontros coa veciñanza de Laraño e Vidán para analizar as súas inquedanzas coa intención de “escoitar para acertar”
O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, anunciou hoxe a súa intención de impulsar un Plan Especial para o terceiro sector co obxectivo de reforzar o apoio municipal ás entidades sociais de Compostela, acompañalas con novas medidas e incrementar os recursos destinados ao seu labor. “Queremos que o terceiro sector en Santiago sexa o primeiro sector. Que sexa de verdade unha prioridade na acción do goberno municipal”, afirmou Pedro Blanco durante a súa visita á sede da Asociación ASPAS, no marco dunha nova xornada de #ConversasDeBarrio, a iniciativa coa que está percorrendo os barrios e mantendo encontros co tecido social da cidade.
Pedro Blanco, acompañado polos concelleiros socialistas Marta Abal e Gumersindo Guinarte, destacou o papel que desempeñan entidades como ASPAS, que traballan diariamente con persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, e puxo en valor o papel do conxunto do terceiro sector na cidade. “Son familias, son veciños e son persoas de Santiago. Entidades que moitas veces chegan onde non chegan as administracións”, sinalou. Neste sentido, explicou que o futuro Plan Especial buscará fortalecer o tecido social de Compostela, “queremos que sintan o alento e o respaldo do Concello. Acompañalos con máis apoio, novas medidas e máis orzamento”, afirmou, resaltando, ao mesmo tempo, que “sabemos que as competencias son autonómicas e a Xunta ten que cumprir coa cidade”.
Durante esta fase de escoita, o candidato socialista abordará coas entidades e colectivos do terceiro sector as súas propostas para estudalas e incorporar ao futuro Plan aquelas iniciativas que permitan dar unha resposta máis rápida e eficaz ás súas necesidades. “Queremos que Santiago dea un paso adiante, que avance. E estou convencido de que entre todas e todos faremos que Santiago lidere o apoio ao terceiro sector”, remarcou.
A visita a ASPAS forma parte dunha nova xornada de #ConversasDeBarrio, que levará tamén ao candidato a manter encontros coa veciñanza e co tecido asociativo de Laraño e Vidán, onde almorzará, para analizar as súas inquedanzas no día a día. Pedro Blanco defendeu esta forma de facer política baseada en escoitar antes de propoñer e coñecer antes de decidir. “Como digo sempre, escoitar para acertar. Iso é o que queremos facer: construír un proxecto entre todos e para todos”, explicou.
“Estamos percorrendo os barrios e reuníndonos co tecido social para pulsar as súas demandas e preocupacións. Para nós, todas as entidades son importantes. Todas forman parte de Compostela e todas teñen algo que achegar”, afirmou.
Pisando rúa, barrio a barrio
#ConversasDeBarrio é a iniciativa coa que Pedro Blanco está a percorrer Santiago e manter reunións diarias con veciñanza, asociacións, colectivos e entidades sociais, visitando os seus locais e coñecendo directamente a realidade de cada barrio.
O obxectivo destas conversas é escoitar, recoller as demandas e propostas da cidadanía e construír, a partir delas, un proxecto de cidade. “Barrio a barrio, colectivo a colectivo”, resume Blanco, que defendeu a necesidade de “pisar rúa” e estar preto das persoas para coñecer de primeira man o que Santiago necesita para avanzar.

