§ Mercedes Rosón deixou clara a vontade política de apoiar a taxa, “queremos que o turismo contribúa a manter o noso Concello” pero reclama coñecer a composición do órgano que deberá xestionar a taxa.
§ Piden ademais que o 20% da taxa que non é obrigado destinalo ao turismo, se dirixa a reforzar servizos de mantemento, limpeza e conservación e promover actividades deportivas na cidade.
As concelleiras non adscritas mantiveron unha reunión este mércores co goberno local, co obxectivo de alcanzar un acordo para viabilizar a ordenanza que regulará a taxa turística e que se someterá a votación este xoves no pleno municipal. Unha ordenanza que, critica Mercedes Rosón, “chega tarde” e que, a pesar diso, “faino de maneira precipitada, sen consenso co sector e sen diálogo coas asociacións veciñais”.
Neste marco, Rosón fixo públicas este mércores as esixencias das concelleiras non adscritas para aprobar a ordenanza. Catro condicións que teñen que ver cun reforzo no control de excursionistas que chegan en autobús, delimitación do destino dos fondos recadados coa taxa e coa composición e prazos de constitución da comisión que se encargará de decidir o destino do 80% do recadado polo tributo.
Precisamente, a lei autonómica que regula a taxa turística esixe que o 80% do que se ingresa polo tributo, debe estar dirixido a actividades que promovan un turismo sustentable e, ao tempo, isto debe ser decidido no marco dunha comisión na que participe o sector. Neste sentido, as concelleiras non adscritas solicitaran días atrás que, en lugar de constituir un novo órgano, a decisión sobre o destino dos fondos se decidise no Consello Municipal de Turismo, toda vez que ao estar xa constituído, permitiría reducir os prazos “e facilitaría que a taxa, non só se recade, senón que reverta canto antes en melloras para as nosas veciñas e veciños”.
Rosón lamenta que non houbera vontade por parte do goberno local de estudar esta posibilidade así que, ante o rexeitamento do goberno local a esta proposta, reclama agora que se lles proporcione antes do pleno un documento con prazos concretos para establecer o horizonte temporal no que estaría operativo ese novo organismo. Insiste en que isto é “imprescindible” xa para “saber cando a taxa vai poder reverter na cidadanía”.
Tamén nese documento, como segunda esixencia, reclaman que se inclúa a composición deste órgano. “É un despropósito que vaiamos aprobar unha ordenanza da que, o 80% do recadado vai ser xestionado por un órgano do que descoñecemos quen vai formar parte” critica Rosón. Reclama Rosón que o goberno local adiante quen vai facer parte do mesmo, “máis aínda cando xa vimos a mala xestión do diálogo co sector e coas asociacións veciñais que mantivo ata agora o executivo da señora Sanmartín”.
As concelleiras non adscritas queren garantir con isto que “se volva á senda do diálogo” e que “tanto o sector hoteleiro como as asociacións veciñais teñan voz e voto sobre a que se vai destinar o recadado”.
Reforzo de servizos e videomapping no día do Apóstolo
Mercedes Rosón solicitou tamén como requisito para viabilizar a ordenanza que se delimite o destino dos fondos recadados. Neste sentido, entendendo a limitación legan que estableceu a Xunta -pola que o 80% da taxa ten que ir dirixido a actividades turísticas-, Rosón céntrase primeiro no 20% restante. Insiste en que eses fondos terán que destinarse a reforzar servizos de mantemento, limpeza e conservación de todo Concello, así como á execución do Plan Director da Alameda para o coidado do parque.
Así, reclama o compromiso do goberno local de destinar ese 20% a isto, así como para a promoción de actividades deportivas e culturais durante todo o ano.
Sobre o 80% do recadado, que será obxecto de decisión nesa comisión de participación, Mercedes Rosón reclama tamén do executivo local o compromiso de apoiar unha proposta que permita impulsar un espectáculo de videomapping na Praza do Obradoiro na noite dos Fogos do Apóstolo. Neste sentido, detalla Rosón, que “ao nós participar tamén nesa comisión, proporémolo para que o sector e as asociacións tamén opinen sobre esta proposta” pero reclama do goberno local “un compromiso político para que o goberno respalde a nosa proposta nese órgano” que terá a última palabra. De feito, pide que se traballe nunha proposta para poder elevala a ese consello unha vez se constitúa formalmente.
Máis control sobre os excursionistas que chegan en autobús
A última das esixencias que as concelleiras non adscritas poñen para apoiar a ordenanza da taxa turística, non está directamente vencellada ao imposto, pero si ao control do turismo e a facilitar que o turismo contribúa ao mantemento da cidade. Neste sentido, Rosón reclama un reforzo sobre os autobuses que chegan a Santiago con turistas.
Pide que se reforce a vixilancia para que fagan a descarga de viaxeiros na dársena de Xoán XXIII, onde eses autobuses deben aboar unha taxa de 19 euros. Pon o foco en que, na actualidade, moitos destes autobuses fan a descarga de turistas fóra da dársena, en zonas como San Francisco ou noutros puntos da cidade para evitar pagar o tributo.
“Queremos que o turismo contribúa a manter o noso Concello, pero teno que facer todo o turismo” recalca Rosón, apuntando tamén aos excursionistas que só están un día na cidade e chegan e marchan na mesma xornada en autobús. Ademais, pide que a taxa se implante “coas garantías de que todos os axentes van ter voz, cidadanía e sector” e de que o recadado “vai reverter a curto prazo no municipio”.