HomeA CoruñaRecepción no Pazo de Raxoi ao delegado rexio no acto de Translación...

Recepción no Pazo de Raxoi ao delegado rexio no acto de Translación dos restos do Apóstolo

- Anuncio -spot_img

Como cada 30 de decembro, a capital de Galicia acolleu o acto de Translación dos restos do Apóstolo Santiago, cuxo delegado rexio foi, neste 2025, o presidente da Parlamento Galego, Miguel Ángel Santalices. Finalizada a cerimonia relixiosa na Catedral, a comitiva oficial foi recibida no Pazo de Raxoi pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e membros da Corporación Municipal.

O delegado rexio, Miguel Ángel Santalices, asinou no Libro de Honra do Concello de Santiago e pronunciou unhas verbas de agradecemento no Salón Vermello. A alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, deu a benvida a todos os asistentes ao Pazo de Raxoi no nome do conxunto da Corporación Municipal.

“Posto en perspectiva positiva, que é importante a estas alturas do ano, os retos máis importantes para o futuro da humanidade son, por un lado, a paz, o respecto aos pobos a viviren en paz, o compromiso coas leis de que nos dotamos a nivel internacional e, por outro, o camiño a un mundo sen dominacións, sen acosos nin agresións sexuais, sen feminicidios, con relacións en pé de igualdade”, sinalou a rexedora no seu discurso.

Sanmartín aludiu tamén á vivenda, a pobreza, a emerxencia climática, a accesibilidade, o dereito á cultura, a diversidade lingüística, a inclusión e a educación como desafíos. “Cada un destes conceptos precisa materializarse en políticas que abracen o conxunto das administracións, e que o fagan de maneira colaborativa, sentindo que cada paso que dá unha delas é bo para o conxunto”, afirmou, e engadiu que “cómpre abandonar o espírito competitivo, ou mesmo obstrucionista, e apostar por propostas que a medio prazo transformen de verdade a realidade que nos tocou vivir”.

Na recepción estiveron presentes membros de todos os grupos municipais; o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e outros representantes da Xunta de Galicia, o xeneral xefe do Mando de Apoio á Manobra, Marcial González Prada; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e outras autoridades.

Actos protocolarios

Antes da cerimonia relixiosa, o delegado rexio pasou revista ás tropas na praza do Obradoiro. Finalizada a revista, o delegado despediu a bandeira e as tropas, e dirixiuse cara as autoridades civís presentes na praza para saudalas. Xa dentro da Catedral produciuse o encontro entre a procesión civil e a eclesiástica e o saúdo do delegado rexio co arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, antes do comezo da cerimonia relixiosa e a Ofrenda ao Apóstolo Santiago.

Unha tradición de séculos

A cerimonia da Translación celébrase anualmente o 30 de decembro en recordo do traslado dos restos do Apóstolo Santiago dende o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón). Segundo a tradición, a Raíña Lupa, soberana das terras, enviou tropas en persecución da comitiva apostólica, que foi salvada por un milagre que afogou aos perseguidores nas augas do río Tambre.

A Raíña Lupa quedou tan abraiada por este feito que ofreceu a súa axuda aos discípulos para que puideran soterrar os restos do Apóstolo, que son trasladados nun carro tirado por bois que ao azar buscan o lugar para o repouso do fillo de Zebedeo. Tras deterse (sempre segundo a lenda) na fonte da actual rúa do Franco, os bois continúan o seu camiño ata quedar inmóbiles no lugar que dende aquela se denomina Libredón (Liberum domum, regalo libre), onde é soterrado e pasa ao esquecemento o Apóstolo ata o seu posterior descubrimento no ano 813 por un eremita.

O rei Alfonso VI realizou no ano 1109 a primeira ofrenda da Translación, entregando unha ducia de talentos de ouro e outra de marcos de prata. En 1642, baixo o reinado de Felipe IV esta cerimonia institucionalízase con carácter definitivo. Dende entón actúa como oferente o Rei ou un delegado rexio.

Publicacións Relacionadas