HomeA CoruñaSeitura 22 informará o día 19 de febreiro en San Sadurniño sobre...

Seitura 22 informará o día 19 de febreiro en San Sadurniño sobre o novo período de axudas do Leader

- Anuncio -spot_img

O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 2 de febreiro a resolución da AGADER pola que se abre un novo prazo para solicitar as axudas Leader, co obxectivo de apoiar proxectos que impulsen o desenvolvemento rural. Unhas axudas xestionadas na nosa zona polo GDR Seitura 22 ás que poderán acollerse tanto persoas autónomas e empresas como concellos e entidades sen ánimo de lucro. A convocatoria financiará iniciativas que fomenten a creación de emprego, a diversificación económica, a igualdade e a sostibilidade ambiental, con porcentaxes que chegan ata o 50% ou 90% segundo o tipo de proxecto. O prazo para presentar as solicitudes canda os correspondentes proxectos estará aberto ata o 6 de abril. A Asociación GDR Seitura 22 xestionará un total de 1.043.698,26 euros no período 2026-2028. A entidade explicará o contido da convocatoria nunha charla que terá lugar no salón de plenos do Concello de San Sadurniño o xoves 19 de febreiro a partir da 19:30h. O GDR, que abrangue os concellos do Eume, Ferrolterra e o Ortegal tamén ofrece asesoramento e resolución de dúbidas a través do teléfono 981 333 398 e do correo info@seitura22.gal.

Esta nova convocatoria encadrada no Leader diríxese, igual que as anteriores, a proxectos produtivos e non produtivos. Os primeiros están pensados para persoas emprendedoras e empresas que queiran crear ou ampliar unha actividade económica no medio rural, mentres que os segundos poden estar promovidos por concellos ou asociacións e outros colectivos, na liña de mellorar a calidade de vida ou os servizos no territorio.

Nos proxectos produtivos, a axuda situarase entre o 15% e o 50% dos custos subvencionables, cun máximo de 200.000 euros por proxecto. Poderanse financiar investimentos como a construción, compra ou mellora de inmobles relacionados coa actividade, a adquisición de maquinaria e equipamento novo, a implantación de ferramentas intanxibles (software, webs, dixitalización), e tamén certos custos técnicos (arquitectura, enxeñaría ou consultoría). No caso de vehículos, só se admiten se están afectos en exclusiva á actividade e quedan excluídos os proxectos do sector do transporte por conta allea.

Aínda que, como regra xeral, non se subvencionarán iniciativas encadrables no sector da produción agraria primaria, si poderán acollerse aqueles investimentos dirixidos á mellora da eficiencia ou o aforro enerxético nas explotacións. Tamén entrarán os pequenos proxectos -ata 30.000 euros de investimento total elixible- se se trata do inicio ou implantación dunha actividade agrícola, gandeira ou agroforestal que sexa complementaria á actividade principal non agraria da persoa promotora. Serán subvencionables, ademais, aqueles investimentos vinculados con procedementos ou instrumentos de mobilización ou recuperación de terras.

Entre as principais exclusións figuran as reparacións e mantementos ordinarios, o IVE recuperable, a maquinaria de segunda man e os investimentos realizados antes da acta de non inicio (agás algúns custos previos como licenzas, terreos ou gastos técnicos). A normativa tamén establece outras limitacións sectoriais que deben terse en conta.

Nos proxectos non produtivos -liña pensada para concellos e colectivos- a subvención poderá chegar ata o 90% do investimento, e incluso ao 100% cando se trate de actuacións de interese público que non xeren ingresos netos, mantendo tamén o límite máximo de 200.000 euros por proxecto. Esta liña permite financiar actuacións de mellora comunitaria e servizos sociais, incluíndo tamén a posibilidade de vehículos destinados a servizos básicos (por exemplo, atención a maiores ou persoas dependentes), ademais de obras, equipamento e investimentos tecnolóxicos.

Máis prazo de execución e xustificación
Tal e como informa Seitura 22 a través da súa web, a presente convocatoria introduce como novidade a ampliación a tres anualidades do prazo de execución e xustificación, de maneira que as persoas e entidades promotoras poderán levar a cabo o seu proxecto e investimentos ao longo de 2026, 2027 e 2028. Iso si, existen certos horizontes temporais para ir desenvolvéndoo, xa que o 10% do orzamento deberá estar executado antes do remate de 2026, o 40% antes do 1 de xullo de 2027 e o restante 50% antes do 15 de setembro de 2028.

Por outro lado, nesta convocatoria tamén se poderá acceder ao Bono Activa Rural. Trátase dunha axuda a tanto global destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrarias. Non estará vinculada á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se relaciona directamente co cumprimento do plan empresarial e co mantemento da actividade durante polo menos cinco anos desde a data da alta censual.

As iniciativas que se beneficien desta modalidade de axuda concorren cos demais proxectos de natureza produtiva que se presentan ao abeiro das diferentes convocatorias. Ao Bono Activa Rural só poderán acceder persoas autónomas que xeren unha actividade empresarial a título individual na que polo menos creen o seu posto de traballo. A axuda poderá acadar ata un máximo de 18.000 €.

Charla informativa o xoves 19 ás 19:30h na Casa do Concello
O prazo para presentar solicitudes do Leader estará aberto ata o 6 de abril de 2026. As axudas concederanse mediante un procedemento de concorrencia competitiva no que o persoal técnico do GDR Seitura 22 avaliará e puntuará cada un dos proxectos, de acordo cos criterios establecidos no plan estratéxico de desenvolvemento do territorio.

A asociación está levando a cabo un calendario de xuntanzas informativas polas comarcas que abrangue o GDR. En San Sadurniño hai previsto un encontro o xoves 19 de febreiro a partir das 19:30h no salón de plenos.

Alén de facilitar información e solventar dúbidas nestas reunións, Seitura 22 tamén ofrece acompañamento individualizado durante todo o proceso de preparación dos proxectos, presentación das solicitudes, execución e posterior xustificación dos investimentos. Pódese contactar co persoal da asociación no teléfono 981 33 33 98 ou no correo electrónico info@seitura22.gal.

Publicacións Relacionadas