No marco do programa de prevención de condutas aditivas “Máis que un teito” que están a desenvolver, o Concello de Fene e a agrupación de concellos de Mugardos e Neda dan un paso máis e complementarán os obradoiros que imparten en distintos centros escolares cun encontro aberto dirixido ás familias, Anpas e representantes de entidades sociais. A sesión, prevista para o luns 17 de marzo ás 18.30 horas na Casa da Cultura de Fene, abordará o tema da “Preadolescencia e adolescencia: entender para poder conectar” e estará dirixida pola psicóloga e educadora de disciplina positiva Andrea Bechlian.
As inscricións, abertas até o vindeiro 14 de marzo, poden realizarse a través do enderezo electrónico servizos.sociais@fene.gal, achegando cuberta a ficha de inscrición (que está a disposición da veciñanza na web municipal www.fene.gal) ou nos teléfonos 981 342 607 – 981 492 706 do Centro Municipal de Servizos Sociais. As prazas cubriranse por orde de inscrición até completar o aforo.
O obxectivo da actividade é “sensibilizar, mellorar e complementar a información sobre a prevención familiar de maneira precisa e axeitada”, evitando o desenvolvemento e a consolidación de condutas de risco, promovendo estilos de vida saudables e tendo en conta a perspectiva da igualdade de xénero.
A xornada vai dirixida a representantes das ANPAs, entidades sociais e familias aos que se lles ofrecerá manexar unha información obxectiva e veraz que lles axude a adoptar decisións autónomas e responsables en beneficio propio e social, reforzando actuacións preventivas.