Pide ao precandidato popular que defenda Santiago desde o seu posto como deputado, apoiando a taxa turística e o aparcamento do CHUS e pedindo á Xunta que cumpra co Estatuto de Capitalidade.
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Sindo Guinarte sinalou hoxe que o Goberno de Sánchez Bugallo está traballando desde o minuto un de mandato, mentras o precandidato do PP limítase “a facer propostas descabelladas”. Guinarte pídelle que defenda Compostela desde o lugar no que está, desde o seu escano no Parlamento de Galicia, e que pida á Xunta que cumpra co Estatuo da Capitalidade, e que apoie temas tan importantes para a cidade como o aparcamento do CHUS ou a taxa turística.
Sindo Guinarte lembrou que desde o Goberno de Sánchez Bugallo “impulsamos os compromisos do foro cívico, no que todos os grupos da Corporación Municipal estiveron dacordo nas pasadas eleccións: depuradora, orbital, intermodal, ou biopolo da Sionlla”. Todos eses proxectos están en execución, sinalou, “nun mandato moi difícil”.
O precandidato do PP, continuou, “non ten credibilidade para criticar ao alcalde, nin para defender os intereses de Santiago. Non o fai desde o Parlamento de Galicia”, o lugar no que está, desde “o que se limita a facer propostas descabelladas. Que pida que a Xunta cumpra coa capitalidade, que apoie ao goberno municipal no tema do aparcamento do CHUS, ou na taxa turística. Iso é defender Santiago”, finalizou.



