HomeA CoruñaTelegal rexistra 250 solicitudes para os cursos en liña gratuítos ofrecidos en...

Telegal rexistra 250 solicitudes para os cursos en liña gratuítos ofrecidos en colaboración co Concello de San Sadurniño

- Anuncio -spot_img

A oferta de cursos gratuítos lanzada hai uns días por Telemática Galicia (Telegal) superou todas as expectativas tanto da empresa radicada en Narón como do Concello, quen colabora coa iniciativa. A primeira quenda de accións formativas arranca hoxe con todas as prazas cubertas e, de cara á segunda, só quedan algunhas vacantes en catro dos cursos, concretamente no de Igualdade e linguaxe inclusiva e non sexista, no de iniciación ao guión audiovisual, no de mecanografía e no de ferramentas de organización no fogar e nos negocios. Nas distintas propostas inscribíronse un total de 250 persoas, moitas delas de San Sadurniño -con prioridade-, pero tamén de Narón, Ferrol, Cedeira, Baiona, Gondomar… e mesmo de Cataluña.

O catálogo de cursos encádrase, á súa vez, nunha acción de Telegal centrada na capacitación de docentes de formación profesional para o emprego, quen deben planificar e levar a cabo o seu propio curso traballando con contidos e alumnado real.

A área de Desenvolvemento local de San Sadurniño colaborou dándolle difusión á iniciativa e facilitando a captación de persoas que quixesen aprender distintas materias por medio de 15 cursos gratuítos en liña -agás un- que se desenvolven en dúas quendas, unha que comeza hoxe e outra que arrancará o próximo 18 de xaneiro.

O catálogo de cursos, denominado “Formación en tempos de COVID” está dispoñible a través desta ligazón, onde tamén se poden facer as inscricións.

Porén, ao pouco de publicar a convocatoria a maior parte das actividades completaron a oferta de prazas e nalgúns mesmo foi necesario facer dous grupos para atender a alta demanda. De feito, neste momento só quedan algunhas vacantes para as accións da segunda quenda -a que empeza o 18 de xaneiro-, nas que cumprirá anotarse, como moi tarde, o día 16.

Para participar nestes cursos non hai ningún tipo de restrición xeográfica, pero si terán prioridade nas inscricións as veciñas e veciños de San Sadurniño. Despois de cubrir a solicitude a través do correspondente formulario cada persoa recibirá unha chamada de confirmación da praza, así como unha pequena explicación sobre os requisitos técnicos para acceder ás sesións en liña.

Publicacións Relacionadas