HomeA CoruñaThe Shesters Moc Moc, Peter Punk Pallaso e Sempre Arriba no Perla...

The Shesters Moc Moc, Peter Punk Pallaso e Sempre Arriba no Perla Mural Fest

- Anuncio -spot_img

A Concellería de Cultura de Fene anuncia para esta semana en Perlío tres espectáculos programados ao abeiro da Rede Cultural da Deputación da Coruña e no marco do Perla Mural Fest. A primeira cita será mañá martes na Praza da Escola-AVV Perlío, con The Shesters Moc Moc, levando a escea La Chimba. O mércores o protagonista será Peter Punk Pallaso, con A Chungatrona, actuación que se desenvolverá na Praza Verde, e o xoves actuará o grupo Sempre Arriba na Pista Municipal de Centieiras, con Cést pas possible. Todas as funcións serán ás 20.30 horas con entrada libre e de balde. Colabora. Asociación Perla Mural Fest.

Comeza unha semana de intensa actividade na parroquia de Perlío. Á programación que anuncia o Perla Mural Fest, o Concello de Fene suma esta semana tres espectáculos:

  • Martes 29 de xullo, ás 20.30 horas, na Pista CCRD Perlío_Moc Moc The Shesters, “La Chimba” (espectáculo de circo, teatro e humor).

Xenial, iso significa La Chimba. E non hai mellor forma para referirse a este espectáculo libre e descarado onde grazas ós malabares, equilibrismos, diferentes tipos de monociclos, antipodismos (malabares cos pés) e humor pasemos unha xornada Chimba. The Shesters suman numerosos premios en festivais a nivel nacional e internacional, destacando o primeiro premio no TAC de Valladolid ou o primeiro premio no Kultur auf der strasse en Alemaña. Espectáculo para tódolos públicos. Entrada libre e de balde.

  • Mércores 30 de xullo, ás 20.30 horas, na Praza Verde de Perlío_Peter Punk Pallaso, “La Chungatrona)

Neste espectáculo Peter Punk crea un conxunto de rutinas que confirma a súa intención de converterse nunha referencia do novo circo galego como pallaso.  Neste espectáculo veremos unha aloucada entrada en escena coa Testarrosa, o miniciclo de Peter Punk. A máxica desaparición dun globo no seu bandullo, a destreza dunha voluntaria con tres aros e un vaciador de ideas.  E como colofón, un final único no mundo: A CHUNGATRONA!! Un aparello pensado por un pallaso, que manterá ao público en tensión  ata que… algún incauto resulte totalmente mollado e coa cara cuberta de tarta. Todo isto para desatar a risa, a diversión e a loucura do público: nenas, nenos e maiores. Espectáculo para tódolos públicos. Entrada libre e de balde.

  • Xoves 31 de xullo, ás 20.30 horas, na Pista Municipal de Centieiras_Sempre arriba, “Cést pas possible”

Máis un día de traballo por diante e, baixo a súa responsabilidade, que todo estea listo para o inicio da función. Feita a traballar na sombra, a técnica e rigger, é a encargada de montar o pórtico de aéreos e preparalo todo para que a Gran Artística brille en escena. Responsábel, disciplinada, eficaz e profesional, cada día pon o mellor de si mesma; mais hoxe a súa rutina vaise ver alterada pola mirada do público, espertando o seu lado lúdico e fantasioso, e levándoa a facer aquilo que cría imposíbel. Unha viaxe cara o reencontro cun mesmo e o pracer de vivir e compartir. Empregando o clown como linguaxe, e en comunicación directa co público, neste espectáculo ponse de manifesto a dualidade que moitos vivimos por dentro: aprendemos a ser eficaces, a cumprir prazos e expectativas, esquecéndonos de desfrutar e de nos deixar ser. Un espectáculo en linguaxe clown con acrobacia aérea que convida o público a se empapar coas emocións que este personaxe vive en escena. Espectáculo para tódolos públicos. Entrada libre e de balde.

Publicacións Relacionadas