O evento, que dá continuidade a súa internacionalidade, conta con 19 artistas de orixe galega e presenza feminina en máis da metade do cartel
Propostas chegadas de Reino Unido, Países Baixos, Mali, Marrocos, Arxentina ou Senegal completan un cartel no que teñen cabida todos os estilos musicais
A Coruña prepárase para unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará do 6 ao 10 de agosto con máis dunha trintena de concertos en 6 escenarios diferentes, repartidos por toda a cidade. Como principal novidade, nesta edición haberá concertos en María Pita, que se suma á relación de escenarios para facilitar o tránsito de público entre uns e outros, e nace unha nova localización no Portiño, con Mercado da Colleita, impulsado por Hijos de Rivera, e actividades para toda a familia nunha das postais máis icónicas da Coruña. “O Goberno de Inés Rey volve a amosar o seu compromiso cun festival referente a nivel nacional e que aposta por artistas de diversos estilos musicais que encherán diferentes espazos representativos da cidade”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
O cartel está inspirado nas vidreiras das galerías da Mariña, que forman unha das vistas máis bonitas de toda Galicia. O XXXVIII Festival Noroeste Estrella Galicia dá continuidade á súa internacionalidade, xa que contará con propostas chegadas de Reino Unido, Países Baixos, Mali, Marrocos ou Senegal, e reforza a aposta pola música galega e a presenza feminina, en máis do 50% do cartel. Ata 19 bandas proveñen de Galicia e todos os concertos serán gratuítos.
A praia de Riazor, a praza de María Pita, o Castillo de San Antón, Campo da Leña, praza de Azcárraga e O Portiño serán os escenarios desta trixésimo oitava edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Neste último haberá actividades para toda a familia, con Mercado da Colleita, que volve formar parte da programación desde o venres ata o domingo. Rapariga DJ, Raphael da Ghetto, Eme DJ, Yo Soy Ratón e DJ Peligro ofrecerán espectáculos neses días.
Galicia brillará como nunca en Riazor o venres 8 de agosto. Carlos Ares, artista, produtor e compositor cunha das voces máis persoais e inquietas da escena alternativa, dará paso aos locais Luar na Lubre, a banda coruñesa de música galega máis internacional, e Grande Amore: “o grupo máis ruidoso da súa xeración”, recentemente recoñecido co Premio MIN 2024 ao mellor álbum en galego.
Na praia recalará o sábado 9 una das bandas de rock moderno máis formidables de Inglaterra: The Vaccines, que xunto a Siloé e a multipremiada artista galega Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena actual, poñerán o peche ao escenario máis emblemático do festival.
Unha das voces máis impresionantes da actualidade Queralt Lahoz, ou o sempre irreverente Albert Pla, entre outros, inaugurarán María Pita como espazo escénico do Noroeste Estrella Galicia. O Campo da Leña subirá o volume con bandas como Los DelTonos, O’funk’illo, Hermana Furia, Doctor Snob e Battosai, entre outras.
No Castelo de San Antón, pola súa banda, actuarán Vieux Farka Touré, Ballaké Sissoko & Piers Faccini e McEnroe. As invitacións para estos concertos estarán dispoñibles no despacho de billetes da praza de Ourense a partir do martes 5 de agosto, no seu horario habitual. Poderanse retirar un máximo de dúas invitacións por persoas. Dez minutos antes de comezar o concerto, a entrada ao castelo será libre ata completar capacidade.
Azcárraga, que sempre regala á cidade algunhas das sorpresas máis gratas do festival, acollerá sobre as súas táboas a P.P. Arnold (USA), que nas súas 5 décadas de traxectoria relacionouse con Tina Turner, The Rolling Stones ou Rod Stewart, ás tamén americanas Annie and the Caldwells co seu potente soul disco do Mississippi ou a JP Bimeni and the Black Belts (África), un mestre do funk-soul moderno de inspirador estilo soul africano. Azcárraga tamén acollerá aos novos talentos da cidade – dos locais de ensaio municipais – con grupos como Revel Velvet, Experimento Basement, Roda Door e Nordés.
O Festival Noroeste Estrella Galicia está organizado polo Concello da Coruña e conta co apoio institucional da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ademais do patrocinio de Estrella Galicia.
Mercado de Discos do Noroeste
Creado co obxectivo de establecer un punto de encontro musical na Coruña, reunirá a coleccionistas, expositores, selos e distribuidoras de soportes fonográficos, incluíndo vinilos e CDs.
Haberá máis de 20.000 unidades dispoñibles, entre LPs, CDs, singles e maxisingles, incluíndo discografías completas dalgúns artistas, edicións descatalogadas, reedicións e ofertas de case todos os estilos. Tamén haberá unha destacada presenza de discos publicados por selos e editoriais galegas. Con esta, xa son catro edicións.
O acceso será libre para todos os públicos desde o xoves 7 de agosto ata o sábado 9 de agosto na primeira planta do Mercado de San Agustín, con horario ininterrompido de 11:30 a 19:30 horas.
Organizado por Nonito Pereira, acollerá tamén unha exposición cuxa temática é a interpretación, ou reinterpretación, de famosas portadas de discos, entendendo o concepto como unha nova versión das devanditas creatividades con achegas persoais significativas por parte do autor, o ilustrador e deseñador galego Fausto Isorna. Titúlase “ReDiscOver”.
Mercado de la Cosecha Hijos de Rivera
O Mercado de la Cosecha regresa ao festival Noroeste Estrella Galicia co obxectivo de despregar desde o venres 8 de agosto ata o domingo 10 de agosto cunha proposta de lecer familiar cun obxectivo claro: o de divulgar e sensibilizar en favor do medio ambiente e o desenvolvemento sostible do rural.
Este proxecto de impacto positivo de Corporación Hijos de Rivera estará presente nesta ocasión no Portiño, en horario de 15:30 horas o venres, e de 12:00 a 20:00 horas tanto o sábado como o domingo. Contará cunha ampla axenda de actividades para todos os públicos.
Este espazo dará tamén visibilidade a proxectos exemplares do rural como Cortes de Muar, Airas Moniz, Mariñeiras Daveiga, Versos da Ruda, A Castrexa, Os Biosbardos, Horta da Lousa e Galo Celta.
O Mercado de la Cosecha é unha iniciativa de impacto social de Hijos de Rivera, cuxo propósito é a transformación do rural nun medio máis próspero, sostible e saudable que xera benestar.
A principal contribución do Mercado de la Cosecha ao longo destes case 15 anos de existencia materializouse en exemplos reais de artesáns do rural que, a través dos seus modelos de xestión e/o de negocio, mostran que esta visión de futuro non só é necesaria, senón que tamén é viable e diferenciadora.