HomeA CoruñaTodo rico, todo galego e case todo de moi preto. Así é...

Todo rico, todo galego e case todo de moi preto. Así é o cartucho de Nadal do Concello de San Sadurniño

- Anuncio -spot_img

A Administración local repartiu 33 lotes entre o seu persoal

O Concello de San Sadurniño reedita neste 2025 a tradición de agasallar ao seu persoal cun cartucho de Nadal composto integramente por produto galego e, na súa maioría, de proximidade. O detalle institucional contén ricas elaboracións doces e salgadas, todas elas galegas e nunha alta porcentaxe producidas por pequenas empresas agroalimentarias da nosa zona. A entrega dos lotes forma parte do acordo de negociación colectiva entre o Concello e as súas 33 traballadoras e traballadores. O investimento municipal ascende a 2.000 euros.

Dentro de cada lote inclúese un queixo madurado afumado Brigantia, unha caixiña das coñecidas Maruxas de Nata -feitas en Santa Mariña do Monte- e delicias de pemento e tomate de Ay!Carmen, así como unha botella de zume de mazá desta mesma marca, que elabora os seus produtos no centro de transformación agroalimentaria da Fusquenlla, situado en Moeche. Completa a parte doce un frasco de mel multifloral Abella Mestra, unha iniciativa de base local con colmeas en Lamas, Moeche e na zona de Muras.

O cartucho tamén leva produtos salgados moi apreciados, como un frasco de paté de polbo, galletas mariñeiras Daveiga e embutidos artesáns —chourizo e salchichóns— procedentes das montañas ourensás e luguesas, conformando así para compartir nas datas de Nadal.

Tal e como sinala o responsable de Xestión Interna, Manolo Varela Mecías, o contido do cartucho varía cada ano “co obxectivo de dar cabida, dentro do orzamento dispoñible, a diferentes iniciativas e empresas agroalimentarias galegas. Así tamén lle damos difusión ao traballo dun sector que está sabendo combinar tradición, calidade e innovación”.

Esta iniciativa é tamén, segundo Varela, un xesto a favor do consumo responsable. “A elección destes produtos axuda a soster a pequena industria agroalimentaria, fomenta modelos de produción sostibles desde o punto de vista ambiental e social e reforza proxectos compartidos como o da Fusquenlla, no que participamos sete concellos da comarca e produtoras e produtores de distintos puntos da provincia”.

O concelleiro destaca que a “aposta constante” do Concello de San Sadurniño polos produtos de quilómetro cero, posto que a Administración local desenvolve ao longo do ano múltiples actividades formativas, informativas e de concienciación sobre o noso potencial agrogandeiro coa colaboración da AGFA do Eume, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Casa do Mel, principalmente.

Varela recordou, por último, que o apoio municipal “ao de aquí” tamén queda patente na campaña “Polo Nadal, consumo local”, na que participan unha trintena de negocios do municipio. Con cada compra que se faga nestes establecementos entrarase no sorteo dun total de 10 cestas, que tamén irán cargadiñas de produto de proximidade da máxima calidade.

Publicacións Relacionadas