Home A Coruña Trenor anuncia un investimento de 2,6 M€ nas obras de reforzo de...

Trenor anuncia un investimento de 2,6 M€ nas obras de reforzo de firme na estrada AC-550 no treito que une Noia con Ribeira

- Anuncio -

— O delegado da Xunta destacou que a Xunta ten comprometidos máis de 8,6 millóns de euros no ámbito das infraestruturas para mellorar a calidade de vida dos veciños de Noia, Lousame, Outes, Ribeira e Porto do Son

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polos alcaldes de Noia, Santiago Freire e Porto do Son, Luis Oujo, e pola tenente alcalde de Ribeira, María José Sampedro, anunciou un investimento de 2,6 millóns de euros para levar a cabo obras de reforzo de firme na AC-550.

Trátase do reforzo do firme no treito que une Noia e Ribeira pasando por Porto do Son, entre os puntos quilométricos 69+500 e 107+850, onde tamén se proxecta a execución dun cambio de sentido e dun carril central de espera.

Trenor destacou que estas importantes obras que hoxe se licitan suporán unha maior seguridade e comodidade aos usuarios que circulan por esta vía, moi frecuentada, especialmente en temporada de verán. Estas obras, ademais, facilitarán a mobilidade aos habitantes dos tres municipios onde se realizarán as actuacións.

Os traballos que se van realizar están encamiñadas á reparación, rehabilitación e reforzo superficial do firme, adecuándoas ás súas necesidades funcionais e de durabilidade.

Este contrato licitado hoxe recolle dúas actuacións adicionais: un cambio de sentido no PK 88+500, así como a formación dun carril central de espera para o xiro á esquerda no PK 92+500, para o que será necesario ensanchar a estrada AC-550 cara á súa marxe esquerda.

Tamén se executarán pequenas melloras de drenaxe, limpeza de gabias, sinalización, balizamento e defensas.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o anuncio da licitación deste contrato, cun investimento de 2,6 millóns. As empresas interesadas na execución das obras teñen ata o vindeiro 8 de xullo para presentar as súas ofertas. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.

Estas obras están incluídas no Plan de Reforzos de firme que está a desenvolver o Goberno galego desde o convencemento de que priorizar a conservación das estradas autonómicas e investir na súa mellora é “velar pola seguridade dos cidadáns e mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os galegos”, subliñou Gonzalo Trenor.

Aposta pola comarca do Barbanza
O delegado da Xunta destacou a importante aposta que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que dirixe Ethel Vázquez, está levando a cabo na comarca do Barbanza. Neste sentido apuntou que neste momento están comprometidos, en distintas fases de execución, máis de 5,4 millóns de euros no eido das infraestruturas viarias nos concellos de Noia, Outes, Lousame, Ribeira e Porto do Son.

O representante do Goberno galego puxo como exemplo deste compromiso, a nova glorieta da Barquiña e a mellora da travesía na AC-550 ata a Alameda de Noia, cun investimento de 1,14 millóns de euros; as obras en Ponte Nafonso e Ponte Ceilán cun orzamento global de 1,2 millóns de euros; ou a glorieta na AC-550 en Xuño, no concello de Porto do Son, que supuxo un investimento de máis de 300.000 euros.

Trenor tamén se referiu aos investimentos en materia de augas, que ascenden neste momento na comarca a máis de 3 millóns de euros, en distintos proxectos como o plan director de saneamento de Noia, a redacción do proxecto para a mellora da EDAR de Noia, a mellora da rede de saneamento e nova depuradora de Lousame, ou a nova depuradora de Queiruga.

O delegado da Xunta rematou apuntando que “a Xunta nestes momentos ten comprometidos máis de 8 millóns de euros no ámbito das infraestruturas para mellorar a calidade de vida dos veciños de Noia, Lousame, Outes, Ribeira e Porto do Son”.

Relacionadas

Rueda destaca a excelencia e compromiso dos profesionais do sector turístico que contribúen a...

0
Salienta que Galicia pechou 2023 como primeiro destino do norte peninsular No que vai de ano, a comunidade rexistrou máis de 412.000 turistas aloxados,...

Rueda destaca o papel dos empresarios á hora de facer avanzar Galicia e convertela...

0
― Resalta a posta en marcha cunha Oficina de Coordinación Económica para avaliar os grandes proxectos e xestionar os fondos europeos ― Salienta a aposta...

O Concello impulsará obras para mellorar as redes de saneamento en Abegondo, Cabanas, Limiñón...

0
• O pleno ratificou, esta mañá, unha das próximas actuacións, que levará a cabo en Ou Asadiño. O Concello continuará mellorando as infraestruturas e servizos...

O Concello convoca este xoves a Comisión mixta de Peleteiro para dar conta do...

0
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, anunciaron esta mañá a convocatoria da Comisión Mixta Peleteiro para este...

As obras de mellora da estrada entre O Igrexario de Golmar e San Pantaión...

0
O proxecto estará valorado en 106.000 euros. O alcalde José Manuel López Varela, xunto ao concelleiro de Obras Públicas, Pablo Cambón, o director de obra...

O Concello de Oleiros oferta postos libres no mercado de Perillo a baixo prezo

0
O Concello de Oleiros dispón de varios postos libres no mercado municipal de Perillo para todas aquelas persoas autónomas ou empresas que queiran dispoñer...

Publicacións Relacionadas