Home A Coruña Trenor e Villaverde supervisan as obras de mellora do firme da estrada...

Trenor e Villaverde supervisan as obras de mellora do firme da estrada de Sanguiñal a Tállara, onde a Xunta investiu case 100.000 €

- Anuncio -

A alcaldesa puxo en valor as obras “nunha vía que vertebra xa non só o noso concello senón que vertebra a comarca”

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, supervisaron o resultado das obras de mellora do firme da estrada de Sanguiñal a Tállara, que supuxo un investimento autonómico de preto de 100.000 euros para dotalo da derradeira capa de rodaxe en aglomerado asfáltico. Unha visita na que estiveron acompañados polo delegado Territorial de Infraestruturas, José Antonio Álvarez; a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo; e José Ramón Blanco, da empresa Estudio Técnico Gallego.

Tras visitar as obras no seu inicio no lugar do Sanguiñal, Teresa Villaverde agradeceu as actuacións realizadas “xa que somos un concello rural, moi disperso e os recursos son os que son, polo que agradecemos calquera colaboración para que as vías de comunicación principais estean nas condicións que os veciños e veciñas se merecen”. Ademais, puxo en valor a actuación acometida nos últimos anos entre o Concello de Lousame e a Xunta de Galicia xa que “é unha vía que vertebra xa non só o noso concello senón que vertebra a comarca. Favorece a Lousame porque é unha vía cun ancho e unhas condicións que se foron mellorando pouco a pouco e na que temos previsto incluír sendas peonís”.

Ademais, aproveitou para lembrar que “a obra de conexión dende Portobravo co corredor Brión-Noia, que tivo tantos detractoras, demostrouse que é importantísima tanto para os vehículos pesados como para as persoas que se desprazan a Santiago e que nos achega ao aeroporto, ao tren, a todos os medios de comunicación. É algo que agradecemos moito á Consellería de Infraestrutura e Mobilidade”.

Mellora seguridade viaria

Pola súa banda, Gonzalo Trenor salientou que “a Xunta de Galicia investiu case 100.000 euros en mellorar a capa de rodaxe en máis dun quilómetro desta estrada que vai ver mellorada a súa confortabilidade e a seguridade viaria, que é un dos principais obxectivos que temos dende a Xunta de Galicia”. Así mesmo, agradeceu a colaboración do Concello de Lousame xa que “se ben é certo que a Consellería de Infraestruturas pon os recursos e o financiamento, é o Concello quen se encargou de executar esta obra”. O delegado Territorial enmarcou esta obra dentro das actuacións acometidas pola Xunta en Lousame nos últimos anos “que permitiron mellorar outros catro quilómetros desta mesma estrada. En total cinco quilómetros que melloran a seguridade viaria dos veciños e veciñas”.

Un punto no que incidiu José Ramón Blanco, de Estudio Técnico Gallego, quen mesmo se remontou 10 anos atrás “cando o Concello de Lousame decidiu facer esta estada, que non existía, ampliando uns camiños de concentración parcelaria e que supuxeron no seu día unha variante de Noia para todos os vehículos que van cara Santiago procedentes de Boiro e o sur do Barbanza. Esta nova estrada, financiada na súa totalidade pola Xunta, unida ao ramal que se fixo entre a estrada de Santiago e Portobravo e unida á entrada e saída do corredor Brión-Noia conforman realmente unha variante moi interesante”.

Características das obras

No que se refire aos compromisos, a Xunta asumiu o financiamento e o Concello foi o encargado da execución da obra. O acordo entre ambas administracións permitiu reforzar o firme nunha lonxitude de case 1 km, entre as interseccións das estradas DP-1104 e DP-1105, para dotar toda a vía dun firme homoxéneo e adaptado ás características reais do tráfico que soporta.

A intervención mellorou o firme do viario de Sanguiñal a Tállara desde a DP-1104 á DP-1105, constituíndo unha mostra máis da aposta da Xunta pola mellora das comunicacións nos municipios máis pequenos e do rural. As obras consistiron saneo dos puntos máis deteriorados, vertendo unha primeira capa para regularizar o firme e estender, a continuación, unha capa de rodaxe de 5 centímetros. Foi preciso adaptar á nova rasante os pozos de rexistro e as arquetas, ademais da reposición completa das marcas viarias. Tamén se instalaron bandas sonoras para a redución da velocidade.

Historia desta estrada

Esta actuación dálle continuidade á mellora acometida no ano 2019, data na que se reforzou o firme do primeiro tramo estrada municipal que conecta Portobravo e Tállara. Daquela actuouse en máis de 5 km, dotando de nova capa de rodadura o viario municipal entre Portobravo e Sanguiñal, e supuxo un investimento autonómico de 450.000 euros.

A estrada entre Portobravo e Tállara construíuse grazas a un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Lousame asinado en novembro de 2009 por un importe total de 878.000 euros. A capacidade orzamentaria da Xunta non permitiu acadar o investimento inicialmente previsto, polo que foi preciso adaptar a obra aos cartos dispoñibles, polo que se estendeu unha única capa de aglomerado de 5 centímetros de espesor durante a execución das obras (anos 2010 e 2011).

Con data de xaneiro de 2019, a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Lousame asinan un novo convenio para dotar a esta estrada dunha nova capa de rodadura e aumentar o seu firme ata acadar os criterios inicialmente contemplados no acordo de dez anos antes. O deterioro sufrido pola estrada fixo que esta actuación tivera que dividirse en dúas partes: a primeira executada no ano 2019 (Portobravo-Sanguiñal) e a segunda que se fará no verán de 2022.

Relacionadas

Tres creadoras coruñesas, protagonistas da actividade central do Concello polo Día do Libro

0
Bibiana Candia, Lucía Cobo e María Reimóndez achegaron as súas experiencias sobre a construcción literaria na mesa redonda “A Coruña, cidade de libro” Preto de...

O Concello de Neda premia un ano máis aos mellores lectores e lectoras da...

0
A Biblioteca municipal de Neda celebra o Día Internacional do Libro distinguindo, como vén sendo habitual, aos socios e socias que destacan pola cantidade...

‘Rostros que fan cidade’ poderá verse durante ata o 12 de maio no Pazo...

0
• A través de 40 retratos e confesións sobre a importancia dunha contorna inclusiva #ante a soidade non desexada, o proxecto CRECE fai unha...

O alumnado da Escola Infantil “A Galiña Azul” celebrou o Día do Libro na...

0
A iniciativa enmárcase no programa municipal do Mes do Libro. Na data na que se celebra o Día Internacional do Libro, esta mañá máis de...

As bibliotecas de Carballo acadaron o ano pasado os 22.309 préstamos e gañaron 679...

0
Coincidindo co Día do Libro presentamos os tres servizos que dependen da área de Bibliotecas e Arquivos cun vídeo protagonizado polo persoal que os...

Suplantan ao Concello para intentar enganar ás persoas maiores cunha reunión que non existe

0
O Concello de Oleiros quere informar que non convocou ningunha reunión para as persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar. Non existe tal...

Publicacións Relacionadas