Últimos días para anotarse na 39 edición da Carreira popular “Volta á Ría-Memorial Adolfo Ros”, que promoven o vindeiro domingo os concellos de Neda, Fene, Ferrol e Narón. A organización, que convida a sumarse aos atletas da comarca e do resto de Galicia, lembra que este mércores, 10 de decembro, ás 23:59 horas, finaliza o prazo para inscribirse a través da web www.carreirasgalegas.com.
Como vén sendo habitual a proba absoluta terá unha distancia duns 21 quilómetros, discorrendo sobre asfalto polas catro localidades que impulsan a iniciativa deportiva. A carreira, con saída e meta no Camiño do Regueiro, nas inmediacións dos accesos a AP-9, en Neda, estará incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo.
Poderán participar nesta media maratón tanto deportistas federados como non federados maiores de idade (nacidos no 2007 ou con anterioridade) sempre e cando reúnan as condicións físicas requiridas para afrontar unha carreira desta envergadura. Haberá modalidades especiais para persoas con discapacidade visual e para participantes que cubran o percorrido en cadeiras de rodas ou en handbikes.
A proba absoluta dará comezo ás 10 horas e contará, ao longo de todo o seu percorrido, co apoio da Garda Civil de Tráfico, da Policía Municipal e das Agrupacións de Protección Civil das localidades implicadas para regular o tránsito e garantir a seguridade.
En paralelo, e co obxectivo de potenciar a participación da xente máis nova, a organización volverá programar carreiras con distancias inferiores para deportistas menores de idade nun circuíto habilitado na contorna do arco de meta. Así, os Sub 18 e Sub 16, correrán tres quilómetros; Sub 14 e Sub 12, dous km; Sub 10, un km; Sub 8, 400 metros; e peques, 50 m.
Polo de agora hai preto de 700 persoas anotadas, a través da páxina web www.carreirasgalegas.com, para participar no conxunto das carreiras. A cota de inscrición na medio maratón é de 7 euros, no resto das probas é totalmente gratuíta.



