As mostras da sección Viñetas Expo están repartidas por espazos municipais e de entidades colaboradoras
As exposicións que forman parte da edición número 28 do festival Viñetas desde o Atlántico poderán visitarse ata finais deste mes de setembro, cando se dará por concluído o Salón do Cómic coruñés. “Animamos á cidadanía a gozar deste Viñetas expandido polas salas de exposicións da cidade, mostra da vontade do Goberno de Inés Rey por facer deste evento un referente nacional e internacional da banda deseñada”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
O Viñetas desde o Atlántico, dentro da súa sección Viñetas Expo, acolle este ano ata 20 mostras, incluíndo ‘Quino na Música’, ‘Astro-Ratón y Bombillita’ de Fermín Solís na Sala Municipal de Palexco; ‘Viñetas y Decibeis’, no Quiosco Alfonso, con obras de Victor Coyote, Azagra, Revuelta, Magius, Miguel B. Núñez, Cols (Olivia e Clara Cábez) e Don Rogelio J; e ‘Wobbly’ de Dave Cooper, na Casa Museo Pablo Picasso. Por outra banda, en colaboración coa Deputación da Coruña, a Sala Municipal de María Pita, acollerá obras de Inacio e Iván Suárez e as gañadoras dos Premios Castelao 2024, Sandra Lordi e Laura Suárez.
A meirande parte das exposicións permanecerán abertas ata o vindeiro domingo 28 de setembro, mais algunhas como as da Sala Municipal de Palexco pecharán este próximo día 21. A entrada a todas estas mostras é gratuíta. Toda a información sobre o contido das mostras pode consultarse en www.vinetasdesdeoatlantico.com
O Viñetas desde o Atlántico pechou a súa semana grande con récord de público en todas as actividades organizadas do 11 ao 17 de agosto. Durante eses días foron máis de 120.000 as persoas que se achegaron á feira, tanto ás distintas exposicións, como ás charlas, obradoiros, concertos e outras actividades do festival. Ademais, algúns dos autores convidados ao evento esgotaron edicións dos seus libros nun Viñetas máis ambicioso que en anos anteriores no que tamén houbo máis exposicións e máis autores convidados. As cifras confirman que o novo formato impulsado polo Goberno de Inés Rey e baixo a dirección e comisionado de Manel Cráneo consolida o evento como un referente internacional. Desde a dirección do festival estase a facer unha proposta de deslocalización que supón que o Viñetas desde o Atlántico 2025 aínda non remate co peche destas exposicións, senón que haberá máis actividades dentro da sección Viñetas Inclusivas no mes de novembro.
Exposicións abertas
● ‘Castelao en BD’ – Sala de Exposicións de María Pita – Ata o 28 de setembro
● ‘Viñetas e Decibelios’ con obras de Victor Coyote, Azagra, Revuelta, Magius, Miguel B. Núñez, Cols (Olivia e Clara Cábez) e Don Rogelio J – Quiosco Alfonso – Ata o 28 de setembro
● ‘Quino na Música’ e ‘Astro-Rato e Lampadiña. De marcha polo espazo’ – Sala de Exposicións de Palexco – Ata o 21 de setembro
● ‘Premios Castelao: Sandra Lodi e Laura Suárez’ e ‘Historias da historia’ – Sala de Exposicións Salvador de Madariaga – Ata o 28 de setembro
● ‘Expofanzines Autobán’ – Sala de Exposicións Salvador de Madariaga – Ata o 21 de setembro
● ‘Wobbly’ de Dave Cooper – Casa Museo Pablo Picasso – Ata o 28 de setembro
● ‘Viñetas para un mundo mellor: BD sostible’ – Fórum Metropolitano – Ata o 21 de setembro
● ‘¿Qué hostias hay de comer?’ de Paula Esteban – Cervezoteca Malte – Ata o 28 de setembro
● ‘Pulpos do Cómic’ – Pulpeira de Melide – Exposición permanente
● ‘La banda sonora de mi vida’ de Álex Orbe– Bar 13 – Ata o 28 de setembro
● ‘En clave de viñeta’ – Bibliotecas municipais do Ágora, O Castrillón, Durán Loriga, Monte Alto, Os Rosales e Sagrada Familia – Ata o 21 de setembro.