O encontro contou coa participación de distintos especialistas que analizaron o papel das cantareiras
O acto de clausura da programación municipal do Día das Letras Galegas 2025 celebrouse hoxe na Fundación Luís Seoane cun emotivo encontro dedicado ás cantareiras, protagonistas desta edición como símbolo da tradición oral e da transmisión cultural en feminino. A sesión combinou memoria, divulgación e música, recoñecendo o legado das sete mulleres homenaxeadas pola Real Academia Galega.
O encontro, moderado pola xornalista Gemma Malvido, contou coa participación de Richi Casás, Isabel García, José Manuel Pensado, Xosé Manuel Varela e Icía Varela. Analizouse a traxectoria artística e vital das pandeireteiras homenaxeadas, a súa vinculación coa cidade da Coruña, o papel pioneiro de Eva Castiñeira na escena folk galega e a importancia das gravacións de Dorothé Schubarth e da discográfica Ruada. Tamén se reflexionou sobre a evolución da música tradicional e o papel dos medios na transmisión da cultura oral.
Como peche, o dúo Casás&Barcia interpretou unha selección de pezas inspiradas no repertorio oral das cantareiras, nunha actuación que mesturou emoción, respecto e celebración popular.
Este acto puxo o broche final a unha programación municipal que se desenvolveu ao longo de catro días –do 16 ao 18 de maio e o 25 de maio– con actividades en distintos espazos da cidade: concertos, foliadas, teatro, pasarrúas, contacontos e unha gala especial no Teatro Rosalía. Os Xardíns de Méndez Núñez, o Campo da Leña, a praza de San Andrés, o Teatro Colón ou a praza da Azcárraga foron algúns dos escenarios que acolleron unha programación pensada para todos os públicos.
Agrupacións e artistas como Cántigas da Terra, Donaire, Xacarandaina, Belém Tajes, Eris Mackenzie, Ortiga, Zavala, Ulex, Breo, Carabela ou Maghúa formaron parte dunha proposta coral que reivindicou a cultura galega como patrimonio vivo. Tamén destacou a gala conmemorativa do 70 aniversario da A.F. Aturuxo, na que se rendeu homenaxe ás Pandereteiras de Mens.
Esta programación insírese na liña de acción cultural desenvolvida polo Concello da Coruña nos últimos anos, con especial atención á promoción do patrimonio inmaterial e ao recoñecemento do papel das mulleres na cultura galega. Co impulso do Goberno de Inés Rey, reforzouse ademais o apoio a iniciativas que poñen en valor a lingua, a tradición oral e a participación cidadá na vida cultural da cidade.