O Concello subscribe a declaración institucional da Deputación da Coruña
Segundo a ONU, estímase que unha muller é asasinada cada 10 minutos e 85.000 mulleres e nenas foron asasinadas no 2023 no mundo. O 60% de estos feminicidios cometéronos por parellas íntimas ou outros membros da familia. Hoxe, 25 de novembro, é o día no que lembramos que non podemos deixar de traballar os outros 364 días do ano para educar en igualdade, loitar polos dereitos das mulleres e alzar a voz polas que xa non poden. En San Sadurniño, onde o Concello subscribe a declaración institucional da Deputación da Coruña, levamos todo o mes con actividades arredor do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e nenas, cun programa que concluirá esta semana con dúas interesantes propostas.
Así, este venres 29 de novembro a Casa da Cultura acollerá ás 19:00h un cineforo en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O tema elixido é o dereito a decidir sobre os nosos corpos como unha cuestión de liberdade individual e de xustiza. Para poñelo en contexto verase o documental de 2019 “En deuda con todas”, que expón a vulneración de dereitos básicos que sofren as mulleres do Salvador, onde o aborto está perseguido pola lei e penado con cadea.
Este documental, producido pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz “pretende chamar a atención sobre a vulneración dos seus dereitos e contribuir na súa loita esixindo unha lexislación que non vulnere os Dereitos Humanos de máis da metade da poboación e que garanta o acceso a unha saúde sexual e reprodutiva plena, especialmente para as nenas e as adolescentes máis vulnerables”, explican desde a área municipal de Igualdade.
A programación municipal con motivo do 25N culminará o sábado 30 de novembro –19:00h, Casa da Cultura– co espectáculo musical e de narración oral “Vicio houbo sempre”. A actriz e contadora Atenea García virá por San Sadurniño para compartir connosco o seu traballo dos últimos anos, nos que estivo recollendo historias de vida de mulleres de máis de 80 anos que moitas veces remataban falando do desexo, do pracer e da sexualidade. Mulleres que vencen os tabús impostos polo patriarcado e a represión social do seu tempo para falar “de todas esas cousas supostamente prohibidas e deixando entrever que sempre houbo sitio para o amor e vida nas marxes”.
García traerá memoria colectiva en feminino sobre a diversidade sexual, a ausencia na emigración, a diversion nos bailes e nas festas…, presentándoo todo ao ritmo da pandeireta cunha proposta “fresca e divertida” dirixida a público adulto. Ao seu remate, igual que nos demais eventos programados co gallo do 25 de Novembro, serviranse uns petiscos no recibidor da Casa da Cultura.
En Santa Mariña falarase de liberdade sexual
Cómpre lembrar, ademais, que as entidades de San Sadurniño tamén programaron actividades relacionadas coa igualdade e coas reivindicacións do 25N. Neste sentido, Xuntanza de Lamas organizou o sábado un encontro para presentar o traballo de investigación “A conserveira El Cisne e o seu impacto socioeconómico e cultural na vida das mulleres de San Sadurniño 1986-1995”, obra da graduada en Historia Nerea Calvo Beceiro. A presentación foi seguida dunha mesa redonda na que tamén participou a Manuela Vilaboy Romero, educadora e experta en igualdade e intervención con vítimas de violencia que ocupa na actualidade a Xefatura do servizo contra a violencia sobre a Muller da Delegación do Goberno en Galicia.
Por outra banda, o próximo domingo, 1 de decembro, a ACRD Santa Mariña do Monte organiza un encontro coa xornalista, sexóloga e divulgadora Laura Veiga para falar e resolver dúbidas sobre sexo, xénero, orientación e identidade sexual. Será no local social de Santa Mariña a partir das 18:00h. Pódese obter máis información no 646 938 132.