O Concello de Oleiros continúa coa súa campaña permanente en defensa da liberdade do pobo palestino. Ademais do ciclo de cine euroárabe programado para esta fin de semana, o domingo inaugurarase a exposición Heart of Gaza e nos próximos días procederase ao pintado dun mural de grandes dimensións na rúa Arafat.
Este domingo ás 12:00 horas na Fábrica, procederase á inauguración da mostra Heart of Gaza. Memorias dun neno palestino. Esta exposición, exposta xa en cidades de todo o planeta, está formada por distintos debuxos realizados por nenos gazatíes nos que expresan a súa percepción do xenocidio que están a sufrir, incluíndo por desgraza tamén pinturas dalgúns nenos asasinados polo exército de Israel. A mostra poderá visitarse ata o 3 de outubro.
Por outro lado, nos próximos días, a artista Xoana Almar realizará un mural de grandes dimensións na rúa Yasser Arafat. Baixo o título Cestola na Cachola, a base é un poema titulado No tronco dunha oliveira do poeta palestino Tawfiq Zayyar, e do que toma o seu nome. Nel fálase da necesidade de deixar constancia de toda a inxustiza vivida, de darlle saída ao sufrimento, deixar gravada a memoria para que non se esqueza. Ademais inspiraranse en imaxes de Isaac Díaz Pardo, nas que rostros e mans captan á perfección a rabia e impotencia fronte á inxustiza pola que nesta caso está a atravesar o pobo palestino.
O venres ás 20:00 horas A Fábrica acollerá unha charla coloquio coa presenza do embaixador de Palestina en España, Husni Abdel Wahed, o presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber, e o alcalde, Ángel García Seoane. Posteriormente proxectarase o primeiro dos filmes da mostra AMAL X PALESTINA, con acceso libre e gratuíto.