Os postos estarán instalados na avenida do Malecón no 28 de marzo
A Asociación Galega para o Acompañamento Persoal e Educativo (Ágape) desenvolverá un mercado solidario no sábado, 28 de marzo, para recadar fondos para o desenvolvemento da súa actividade; unha iniciativa na que contan coa colaboración do Concello de Ribeira, a academia Liberty e de Abraham Benítez.
Varios stands con adornos de xardinería, complementos e artesanía, entre outros, disporanse na avenida do Malecón (na esquina coa rúa Rosalía de Castro), en horario de 10.00 a 14.00 horas.
A presidenta de Ágape, Ana Ruth Arnoso, explicou que haberá variedade de produtos para mercar, incluídos, cousas típicas de Pascua. “Non é só mercar unha prenda de roupa ou un bolígrafo, é moito máis. É colaborar no benestar e na xustiza social das familias do Barbanza, en concreto, das familias de Ribeira”, precisou.
Pola súa parte, o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, puxo en valor este tipo de propostas do tecido asociativo local que buscan “redundar positivamente no conxunto da sociedade.” Neste senso, reafirmou o compromiso da Administración local coas iniciativas das distintas entidades sociais que operan no concello.



