HomeA CoruñaUnanimidade a proposta do BNG para que Política Social axilice, da man...

Unanimidade a proposta do BNG para que Política Social axilice, da man do Concello, a residencia de maiores en Ribeira

- Anuncio -spot_img

Rosana Pérez cuestiona as trabas legais que alega a Consellería para retrasar sine die o proxecto: “É unha nova burla e un maltrato á veciñanza”

A propia documentación da demarcación Galiza sitúa a parcela como afectada por augas dentro de cincocentos anos, subliña a deputada

O Parlamento galego, a iniciativa do BNG, acordou por unanimidade unha proposta para que a Xunta, da man do Concello, axilice a construción da residencia de maiores de Ribeira anunciada xa no 2021 e que Política Social vén de adiar ‘sine die’ amparándose nunha normativa estatal que aínda non existe.

A iniciativa, que defendeu Rosana Pérez, insta á Xunta a unha maior colaboración coa corporación local e pide, expresamente, que designe de maneira inmediata os técnicos de Política Social “para manter unha liña de traballo áxil cos técnicos municipais de Urbanismo e responsábeis do Goberno municipal do Concello de Ribeira para analizar os criterios técnicos e legais que impedirían a construción da residencia pública no lugar proxectado, dado que non houbo cambios normativos na lexislación vixente e, de ser o caso, axilizar ao máximo a localización dunha nova parcela para a construción da nova residencia pública de maiores de Ribeira”.

A proposta saíu adiante despois de que a deputada nacionalista considerase unha “nova burla” á veciñanza de Ribeira os atrancos a un proxecto que a conselleira de Política Social, a ribeirense Fabiola García, retomou como a súa “gran promesa electoral” na campaña das municipais de 2023.

Case dous anos despois, a propia conselleira anunciou o pasado 23 de maio, sen previa comunicación á alcaldía, que a residencia proxectada nas Saíñas non se vai construír, amparándose en cambios normativos por parte do Goberno do Estado sobre zonas inundables que aínda non se fixeron. “A conselleira impide construír nas Saíñas cando aínda o Goberno central nin o dixo nin modificou norma ningunha “, denunciou.

“Levan vostedes dous anos burlándose non do Goberno lexítimo de Ribeira, nin do seu alcalde, nin do BNG. Levan vostedes dous anos burlándose e maltratando aos veciños e veciños de Ribeira e de toda a comarca, privándoos de servizos que lle corresponden e que vostedes mesmos lles prometeron”, asegurou a deputada da comarca referíndose aos incumprimentos do PP sobre o centro de saúde, a escola de Aguiño, o centro infantil de Ribeira ou a “falta de apoio clamorosa” ao polígono industrial.

Trátase, argumentou, dunha nova promesa incumprida, como demostra o feito de que Augas de Galiza leve máis dun ano sen emitir o informe necesario para autorizar a construción ou que a propia Augas de Galiza non puxese impedimentos ao proxecto no momento de autorizar o derrubo da edificación que había na parcela que agora se cuestiona. Ademais, “a edificación está proxectada fóra da zona de fluxo preferente e a propia documentación da demarcación Galiza-Costa sitúaa como afectada por augas dentro de 500 anos!”, exclamou.

Fronte ás trabas para xustificar esta nova afronta á veciñanza de Ribeira, os propios técnicos do Concello elaboraron un informe no que, tal e como expuxo a deputada nacionalista, “non aprecian ningunha norma que prohiba a construción dunha residencia na parcela das Saíñas e que simplemente haberá que terse en consideración as medidas de prevención e condicións que considere precisas Augas de Galiza”.

Case 18 millóns de euros nos orzamentos e “non hai nada”

Rosana Pérez salientou a falta de vontade do PP de executar a residencia, como demostra tamén que, segundo explicou, foi anunciada cun orzamento de 10 millóns de euros no 2021 e desde ese ano, baixo o epígrafe “construción residencia de persoas maiores novo modelo asistencial-provincia da Coruña”, tivo consignacións orzamentarias por case 18 millóns de euros. “E non hai nada”, lamentou a deputada, que acusou o PP de utilizar a Xunta para “intentar acabar como sexa co goberno e co seu alcalde do BNG desde o mesmo momento en que no 2023 se produciu un cambio histórico”.

Na iniciativa aprobada, que reproduce a aprobada tamén por unanimidade no Pleno de Ribeira, o Parlamento insta á Xunta a comunicar pola vía regulamentaria oficial ao Goberno municipal a nova dada aos medios de comunicación do desistimento da construción da residencia de maiores na parcela cedida polo Concello no lugar das Saíñas.

Así mesmo, requírese ao servizo de Urbanismo do Concello un informe (xa feito) no que se detalle “a situación legal na que se atopa actualmente o proxecto da residencia de maiores prevista, a normativa aplicábel a situación legal na que se atopa actualmente o proxecto da residencia prevista, a normativa aplicábel ao mesmo e se é viábel a construción segundo a normativa vixente na parcela posta a disposición polo Concello de Ribeira no lugar das Saíñas”.

Publicacións Relacionadas