HomeA CoruñaUnha amizade feita arte: así é 'Silencios e derivas', a exposición de...

Unha amizade feita arte: así é ‘Silencios e derivas’, a exposición de Asun Rodríguez e Eva Garea

- Anuncio -spot_img

· A mostra inaugurouse onte na Casa da Cultura Raquel Fernández Soler. Á apertura asistiu a concelleira, Patricia Lojo, que felicitou ás autoras polo seu enorme talento.

A Casa da Cultura Raquel Fernández Soler acolleu, onte, a inauguración da exposición ‘Silencios e derivas’. A mostra é froito do traballo conxunto de dúas autoras, Asun Rodríguez e Eva Garea, que decidiron converter a súa amizade nunha auténtica obra de arte. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, tomou parte na apertura da colección e aproveitou a ocasión para felicitar ás artistas polo seu enorme talento. Durante a súa intervención, a edil incidiu na aposta do goberno por seguir “dándolle a vida á instalación municipal, ofrecendo á veciñanza alternativas de lecer que favorezan un achegamento a distintas disciplinas artísticas”.

As 20 pezas que compoñen a composición son o resultado dunha amizade forxada arredor da paixón das autoras pola pintura. Así, ao pouco de coñecerse, Asunción Rodríguez e Eva Garea decidiron que querían realizar un traballo conxunto.

A mostra está concebida en dúas partes, unha dedicada aos silencios e outra ás derivas. Dunha banda, a primeira sección expón algúns lugares nos que aínda xorde o silencio tomando como marco un mundo cheo de sons e ruídos. Doutra, as derivas marítimas son tamén espazos de silencio e vense representadas a través de barcos afundidos ou materiais arrastrados polas mareas.

Ademais da propia inauguración, o acto contou cunha actuación musical por parte de Marta López. A mostra poderá visitarse ata o 30 de agosto no horario de atención da Casa da Cultura.

Publicacións Relacionadas