O luns 25 ás 19.00 horas acenderase o alumeado de cor morada da casa do concello e celebrarase unha concentración aberta a toda a cidadanía
Redeiras, percebeiras e mariscadoras das provincias da Coruña e Pontevedra protagonizan a exposición As mulleres da pesca: traballo invisible pero esencial, que pode verse desde este xoves no posto exterior do mercado municipal situado na esquina da Praza do Concello. Son 30 fotografías cedidas pola Asociación Nacional das Mulleres da Pesca (Anmupesca) que, como dixo a secretaria da entidade e presidenta da asociación de redeiras O Fieital de Malpica, Ángeles Mille, “amosan o día a día das mulleres do mar”.
Ángeles Mille estivo acompañada no acto de presentación da mostra polas concelleiras Maruxa Suárez e Maica Ures, quen destacou dous aspectos relevantes da iniciativa. Por unha banda, a necesidade de visibilizar o traballo das mulleres, “porque invisibilizar o traballo das mulleres tamén é unha forma de violencia machista”, dixo. Por outra, a importancia de seguir dotando de novos contidos o mercado municipal “para que se converta nunha referencia para novos públicos”.
A exposición estará aberta ata a ponte da Constitución. Aínda que non é preciso entrar no local para vela, as persoas interesadas en achegarse en detalle ao traballo das mulleres do mar poden dirixirse á conserxaría do mercado municipal (teléfono 663140455), así como centros escolares ou entidades que desexen visitala, xa que se trata dun recurso moi interesante para todas as idades.
Arredor do 25N
A mostra fotográfica sobre as mulleres do mar é a primeira dunha serie de actividades que se desenvolverán arredor do 25N e que van destinadas a diferentes públicos:
• Familias: mañá venres, dentro da Escola de familias pola educación en igualdade, falarase sobre educación sexual. Esta actividade, aberta a familias con fillos e fillas de calquera idade, realizarase a partir das 17.30 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, con persoal técnico especializado.
• Infancia: para os nenos e nenas están previstas varias actividades. O sábado, en colaboración coa Deputación da Coruña, celebrarase na Biblioteca Rego da Balsa (11.00 horas) un taller de personalización de roupa para rapazada de 7 a 11 anos. Cada neno/a deberá levar unha camiseta. As prazas son limitadas, e os/as interesados/as deben anotarse na propia biblioteca, chamando ao 981 758 580. E o luns teremos un contactontos de Raquel Queizás, Na túa man, para nenos/as a partir de 3 anos. Será ás 17.30 horas no mercado municipal, e as inscricións poden realizarse enviando unha solicitude a snl@carballo.gal.
• Mocidade: desde a Concellaría de Igualdade, que organiza os actos, ofréceselles aos centros de secundaria a posibilidade de impartir un obradoiro sobre Violencia de xénero e o novo contexto dixital e unha formación sobre violencia LGTBQ+.
• Público adulto: para as persoas adultas están previstos un faladoiro sobre os recursos do Centro de Información ás Mulleres (CIM); un concerto de Abril (28 de novembro ás 20.30 horas, na Biblioteca Rego da Balsa), en colaboración coa asociación cultural Lumeira, e un cine-foro sobre a loita pola despenalización do aborto no Salvador (12 de decembro ás 19.30 horas na Bibilioteca Rego da Balsa), en colaboración coa ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz.
• Toda a cidadanía: a concentración contra a violencia de xénero celebrarase o luns 25, ás 19.00 horas, diante da casa do concello, que a partir desa hora estará iluminada de cor morada.