HomeA CoruñaUnha modificación do orzamento e unha moción popular sobre o lobo, temas...

Unha modificación do orzamento e unha moción popular sobre o lobo, temas principais do pleno ordinario de marzo en San Sadurniño

- Anuncio -spot_img

O Concello de San Sadurniño celebrará este xoves 26 de marzo a partir das 19:30h o segundo pleno de carácter ordinario do ano. Unha sesión con sete puntos na orde do día entre os que destaca a aprobación dunha modificación de créditos para acomodar no orzamento municipal o proxecto de mellora paisaxística da Cortiña, do arboreto e dos xardíns municipais, no que van investirse cerca de 375.000 euros financiados con fondos da Transición Xusta. Ademais, no pleno tamén se votará a adhesión de San Sadurniño ao novo convenio autonómico para a recollida e tratamento de envases lixeiros e unha moción rexistrada polo PP reclamando solucións para a “grave problemática do lobo”. Dado que se trata dunha sesión ordinaria, na relación de puntos tamén vai un apartado final de rogos e preguntas. Poderá seguirse ao vivo a través da canle municipal en Youtube.

A modificación das partidas económicas ten a finalidade de actualizar no orzamento municipal o importe total das axudas estatais para levar a cabo as obras previstas na zona da Cortiña e nos arredores da Casa do Concello, adxudicadas recentemente á empresa Guerreiro Somozas S.L. Trátase de varias actuacións de mellora ambiental que se sufragarán con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia xestionados polo Instituto para a Transición Xusta.

En 2024, pouco despois da concesión da subvención, o Estado adiantou 295.968,95 euros e posteriormente, xa co proxecto definido -que sufriu varias modificacións sobre a idea inicial-, aínda achegará outros 73.184,19 euros como transferencia de capital. O sumatorio total, 369.152,78 euros, é a cifra exacta e definitiva que cómpre reflectir na contabilidade municipal, recorrendo para iso á modalidade técnica do “crédito extraordinario”.

Tras este asunto, o pleno votará a adhesión de San Sadurniño ao novo convenio marco subscrito entre a Consellaría de Medio Ambiente e Ecoembes para a recollida e tratamento dos envases domésticos lixeiros e de papel e cartón dun só uso.

En cuarto lugar na orde do día incluiuse unha moción presentada no prazo ordinario polo grupo municipal do PP aor respecto da “grave problemática do lobo” e en defensa do sector gandeiro.

O texto denuncia o incremento dos ataques do lobo ao gando e a proximidade a zonas habitadas, sinalando que o nivel de protección actual reduce as posibilidades de control da poboación. Unha situación que, a xuízo do grupo popular prexudica especialmente á gandaría extensiva. A moción propón cinco acordos principais que instan ao Goberno de España a garantir un marco normativo que permita unha “xestión eficaz e equilibrada” da poboación do lobo -previo recoñecemento de que a especie se encontra en bo estado de conservación-, ademais de demandar que a Xunta de Galicia poida autorizar batidas controladas para protexer as explotacións.

Na súa recta final, o pleno inclúe, no apartado de actividade e control, asuntos relativos á dación de contas sobre decretos da alcaldía e cuestións económicas. Tamén reserva unha terceira parte para rogos e preguntas que, igual que o resto da sesión, poderán seguirse ao vivo a través da canle de Youtube do Concello de San Sadurniño.

Publicacións Relacionadas