Unhas cincocentas persoas tomaron parte na Festa de Reis do Concello de Frades, que este ano celebrou a tradicional cabalgata polas rúas de Ponte Carreira. Porén, o tempo volveu condicionar á Comitiva Real e se ben non impediu a súa saída, como acontecera nas tres derradeiras edicións, este ano si que obrigou a acelerar o seu paso, debido á que a choiva fixo acto de presencia.
Así as cousas, e antes de que comezara a chover máis forte, a cabalgata de Melchor, Gaspar e Baltasar desprazouse axiña ao polideportivo municipal de Ponte Carreira, escoltado por numerosos vehículos de familias do concello. Unha vez no pavillón, as Súas Maxestades foron recibidos polo alcalde de Frades, Roberto Rey, e atenderon as peticións da rapazada, a quen agasallaron cunhas lambonadas.
Unha recepción que foi unha das actividades incluídas na gran Festa de Rei celebrada nun polideportivo engalanado con cinco inchables diferentes, obradoiros de adornos de Nadal, festa de animación e baile con mascotas como Mickey Mouse, Donatello (As Tortugas Ninja), Patricio (Bob Esponja) e Skye (A Patrulla Canina). Curiosamente, e a diferencia de anos anteriores, nesta ocasión os Reis Magos foron o eixo de atención dos nenos e nenas, cando en anos pasados ese protagonismo foi “roubado” por personaxes como Elsa (Frozen), Chase (Patrulla Canina) ou o propio Mickey.
Os Reis Magos repartiron unhas lambonadas entre todos os nenos e nenas presentes, que tamén puideron desfrutar duns flocos de millo. Para rematar a festa, o Concello de Frades repartiu roscón e chocolate quente entre todas as persoas presentes.



